Honshu - 本州
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Honshū (本州) é a illa principal do arquipélago xaponés, noutro tempo chamada Hondō. Limita ao norte coa illa de Hokkaidō polo estreito de Tsugaru, ao sur con Shikoku polo Mar Interior e ao suroeste con Kyūshū polo Estreito de Kanmon.
A illa mide uns 1300 km de longo e entre 50 e 230 km de ancho, e a súa área total é de 230.500 km², ao redor do 60% da área total de Xapón. Ten 5450 km de costa. É unha illa montañosa e volcánica, e nela prodúcense numerosos terremotos, como o gran terremoto de Kantō de setembro de 1923. O pico máis alto é o monte Fuji, con 3776 m. Hai moitos ríos, como o Shinano, o máis longo de Xapón e o río Tone, o máis grande de conca. O clima é moi variable, cun norte frío e un sur subtropical.
A poboación de Honshū é de 98.352.000 habitantes (1990) (89.101.702 en 1975), e está concentrada nas chairas existentes, especialmente na chaira de Kanto, onde reside o 25% da poboación en e ao redor de Toquio e Yokohama. Outras cidades importantes son Quioto, Osaca, Kobe, Hiroxima, Aquita e Nagoia. A illa divídese en cinco rexións e 34 prefecturas, entre elas o Toquio metropolitano.
As rexións e prefecturas son:
- Chūbu (centro) - Aichi-ken, Fukui-ken, Gifu-ken, Ishikawa-ken, Nagano-ken, Niigata-ken, Toyama-ken, Shizuoka-ken, Yamanashi-ken.
- Chūgoku (sur) - Hiroxima-ken, Okayama-ken, Shimane-ken, Tottori-ken, Yamaguchi-ken.
- Kantō (este) - Chiba-ken, Gunma-ken, Ibaraki-ken, Kanagawa-ken, Saitama-ken, Tochigi-ken, Tōkyō-to.
- Kinki(Kansai) (sur, aínda que ao norte de Chūgoku) - Hyōgo-ken, Kyōto-fu, Mie-ken, Nara-ken, ōsaka-fu, Shiga-ken, Wakayama-ken.
- Tōhoku (norte) - Akita-ken, Aomori-ken, Fukushima-ken, Iwate-ken, Miyagi-ken, Yamagata-ken.
Honshū está unida ás demais illas de Xapón por túneis ou pontes