Disco ríxido
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Disco ríxido, disco duro ou HD (hard disk en inglés) é unha parte do computador onde se almacena información. É unha memoria non-volátil, xa que a información non se perde cando o computador se desliga (non confundir con memoria RAM).
O disco ríxido é un sistema lacrado que contén un ou máis discos de metal, chamados pratos, que xiran a gran velocidade. Estes son recubertos de material con propiedades magnéticas, onde se gravan os datos en forma de círculos concéntricos, coñecidos como pistas. As pistas estrutúranse arredor do anel central do prato e son accedidas por medio de cabezas de lectura e escritura. O disco consta de varias cabezas de lectura e escritura (unha por cada superficie), que se moven simultaneamente para acceder a distintas zonas dos pratos. A velocidade coa que xiran os pratos é suficiente para que se orixine unha corrente de aire que evita que as cabezas toquen os pratos.
Nel normalmente gravamos datos (información) e a partir del lanzamos e executamos os nosos programas máis usados.
Este sistema é necesario porque o contido da memoria RAM se borra cando o computador é desligado. Desta forma, da próxima vez en que o computador for ligado, podemos executar novamente programas e cargar arquivos que conteñen os datos. O disco ríxido chámase tamén memoria masiva ou memoria secundaria. Nos sistemas operativos máis recentes, o disco ríxido utilízase tamén para expandir a memoria RAM, a través da xestión de memoria virtual.