Xabier López López
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xabier López López é un escritor galego nado en Bergondo en 1974.
Veciño de Betanzos dende 1993, este licenciado en Dereito pola UDC desenvolveu, paralelamente á súa carreira literaria, diversas actividades relacionadas co asociacionismo e coa actividade política, que o levaron a presidir a Asociación Cultural Eira Vella (1999-2003) ou a desenvolver, coma concelleiro polo BNG, as delegacións de Urbanismo, Vivenda e Casco Histórico no Goberno bipartito de Betanzos durante a lexislatura 2003-2007.
Colaborador asiduo de prensa e escrita e dixital (A Nosa Terra, De Luns a Venres, Grial, GZ nación, entre outras), foi reelixido coma concelleiro nas eleccións municipais de 2007 polas listas do BNG, formación da que é membro do Consello Comarcal da Coruña e Secretario de Medio Ambiente na súa Executiva. Entre os diversos galardóns que recibiu a súa obra, cabe destacar o Premio Risco de Literatura Fantástica pola súa novela O caderno (2001), o Premio Lueiro Rey de novela curta por O mono no espello (2002) ou o premio García Barros pola súa novela A vida que nos mata (2003), obra igualmente distinguida co Premio da Crítica de narrativa galega en 2004.
[editar] Obras
- Biff, Bang, pow! (novela case negra) (1997).
- Doutor Deus (1999).
- O caderno (2001). Premio Risco de Literatura fantástica.
- O mono no espello (2002). Premio Lueiro Rey de novela curta e finalista do premio San Clemente de lectores novos.
- A estraña estrela (2003). Finalista do premio Losada Diéguez.
- A vida que nos mata (2003). Premio García Barros, Premio da crítica española, finalista do Premio de Novela europea Casino de Santiago.
- A vella quenlla perde os dentes (2005).
- Trinta e dous dentes (2007). Finalista do premio Torrente Ballester.