Ua Huka
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ua Huka (en marquesano ´uahuka) é unha illa das Marquesas, na Polinesia Francesa. Está situada no grupo norte do arquipélago, a 42 km ao leste de Nuku Hiva.
A illa ten unha forma de croissant aberto cara ao sur, cunha superficie total de 83,4 km²;. Cun relevo menos elevado que as illas veciñas, a altitude máxima é de 855 metros no monte Hitikau. Moitas zonas son áridas e case desertas desforestadas polos rabaños de cabras e cabalos. Hai unhas 3.000 cabezas de gando.
A poboación total era de 584 habitantes no censo do 2002, distribuída en tres vilas: Vaipaee, Hane e Hokatu. A riqueza turística baséase na restauración dos numerosos xacementos arqueolóxicos, na exposición dos vestixios en dous museos, e na conservación da flora no único xardín botánico polinesio. Entre os vestixios arqueolóxicos destacan uns antigos petróglifos. O Arboretum de Pupuakeiha consta de 17 hectáreas onde se plantaron máis de trescentas especies de árbores. Permite constatar a adaptación ao chan marquesano e seleccionar as variedades para reforestar a illa. Ao oeste atópase a misteriosa «gruta dos pasos». Trátase dunha gruta accesible só por mar onde hai unhas pisadas.
Ua Huka, ás veces escrito com Roohka ou Ua-huna, foi descuberta polo capitán estadounidense Joseph Ingraham en 1791. Chamouna Wáshington Island, nome que tamén deu a todo o grupo norte en honra ao presidente de entón George Washington. Outros nomes utilizados son Riou e Solide.