Transistor
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un transistor é un dispositivo semicondutor usado para amplificar, conmutar, oscilar, rectificar ou modular os sinais electrónicos. O transistor é o compoñente principal de toda a electrónica moderna e permitiu o desenvolvemento da informática.
Nos circuítos analóxicos os transistores úsanse como amplificadores, exemplos son os amplificadores de audio, as fontes de alimentación estabilizadas e os amplificadores de frecuencia.
Nos circuítos dixitais o transistor utilízase como un interruptor eléctrico moi rápido, e a organización sistemática dos transistores permite que funcionen como portos lóxicos, memorias tipo RAM e microprocesadores.
O transistor bipolar inventárono nos Laboratorios Bell dos Estados Unidos John Bardeen, Walter Houser Brattain e William Bradford Shockley en decembro de 1947 e substituiu á válvula termoiónica de tres electrodos ou tríodo. A primeira utilización práctica e popular deste dispositivo foi na fabricación de aparellos de radio AM/FM polo que impropiamente pasaron a recibir o nome de transistores.