Teresa Claramunt
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Teresa Claramunt Creus (Sabadell, 1862 - Barcelona, 1932) foi unha dirixente anarcosindicalista catalana. Era unha traballadora do ramo textil, e fundou un grupo anarquista en Sabadell influída por Fernando Tarrida del Mármol, co que participou na Folga das Sete Semanas de 1883, na que se reivindicaba a xornada de 8 horas. En outubro de 1884 foi unha das fundadoras da Sección Varia de Trabajadores Anarco-colectivistas de Sabadell. Con Ángeles López de Ayala e Amàlia Domingo impulsou en 1892 a primeira sociedade feminista española, a Sociedad Autónoma de Mujeres de Barcelona.
Foi detida logo da explosión dunhas bombas no Liceo de Barcelona en 1893, e de novo foi arrestada durante a represión do Proceso de Montjuic (1896), durante o cal foi golpeada brutalmente, o que lle deixou secuelas para o resto da súa vida. Malia non ser condeada por delito algún, logo do xuízo foi desterrada en Inglaterra ata 1898. Fundou a revista El Productor (1901) e participou activamente nas reivindicacións sociais de principios do século XX. Colaborou en La Tramuntana, en La Revista Blanca e dirixiu o xornal El Rebelde durante 1907-1908.
En 1902 tomou parte nos mitins en solidariedade cos folguistas do metal e cos da folga xeral de febreiro de 1902. Foi novamente detida logo dos sucesos da Semana Tráxica de Barcelona en agosto de 1909 e confinada en Zaragoza, onde en 1911 impulsaría a adhesión dos sindicatos locais á CNT, e tamén a folga xeral de 1911, o que lle supuxo un novo encarceramento. Xa moi enferma, a policía rexistrou o seu piso tralo atentado contra o Cardeal Juan Soldevila y Romero en Zaragoza, obra de Los Solidarios, o 4 de xuño de 1923, buscando probas que a comprometesen. En 1924 regresou a Barcelona, pero a parálise progresiva alonxouna das actividades públicas.