Samuel Beckett
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Samuel Barclay Beckett foi un poeta, novelista e destacado dramaturgo do teatro do absurdo.
[editar] Vida
Naceu en Foxrock (preto de Dublín) o 13 de abril de 1906. Logo de asistir a unha escola protestante de clase media no norte de Irlanda, ingresou no Trinity College de Dublín, onde obtivo a licenciatura en linguas romances en 1927 e o doctorado catro anos máis tarde. Ó mesmo tempo, continuou estudando o filósofo francés René Descartes e escribiu o ensaio crítico Proust (1931), que sentaría as bases da súa filosofía e obra. Foi entón cando coñeceu ao novelista e poeta irlandés James Joyce, do que foi amigo e colaborador. Entre 1932 e 1937 traballou e viaxou sen descanso e desempeñou diversos traballos para incrementar os ingresos da pensión anual que lle ofrecía seu pai, supoñéndolle un duro golpe a súa morte en 1933. En 1937 estableceuse definitivamente en París, pero en 1942 tivo que trasladarse ó sur de Francia, libre da ocupación nazi, fuxindo da Gestapo, pois Beckett sumárase á Resistencia. Ao final da II Guerra Mundial regresou a París, onde escribiu catro grandes obras: a súa obra dramática Agardando por Godot (1952) (a súa obra mestra en opinión da maioría dos críticos), e a súa triloxía Molloy (1951), Malone morre (1951) e O indomable (1953), que Beckett considera o seu maior logro, e na que os seus personaxes, misteriosamente enfermos e sumidos nun desesperado monólogo, esperan a súa disolución final e someten a linguaxe a un proceso de aniquilamento que constitúe unha das constantes de toda a súa produción literaria. En 1961 outórganlle o premio Internacional de Literatura, que compartiu con Jorge Luis Borges e, en 1969, foi galardoado co premio Nobel de literatura. Morreu en París o 22 de decembro de 1989.
[editar] Estilo
Nas súas obras, Beckett centrou a súa atención na angustia indisociable da condición humana, que na última instancia reduciu ao eu solitario ou á nada. Tamén experimentou coa linguaxe ata deixar tan só un esqueleto, o que orixinou unha prosa austera e disciplinada pero chea de humor. A súa influencia en dramaturgos posteriores, sobre todos naqueles que seguiron os seus pasos na tradición do absurdo, foi tan notable como o impacto da súa prosa.
[editar] Obras
Escritor bilingüe, a partir de 1953 escribiu en francés e, ás veces, en inglés; xeralmente traducía a obra ó outro idioma, adaptándoa. Escribiu novelas, pezas e textos varios para radio, televisión e cinema.
- Whoroscope (1930) poema escrito en inglés.
- Murphy (1938) escrita en inglés.
- Watt (1939) escrita en inglés.
- Mercier e Camier (1946) escrita en inglés.
- Molloy (1951).
- Malone morre (1951).
- Agardando por Godot (1952), versión en inglés da obra creada en francés En attendant Godot.
- O innomeable (1953).
- Textos para nada (1955).
- Fin de partida (1957), versión en inglés da obra creada en francés Fin de partie.
- A última cinta (1958), Krapp's last tape, foi escrita en inglés e adapatada por Beckett ó francés como La dernière bande.
- Días felices (1961), foi escrita en inglés e traducida ó francés por Beckett como Oh les beaux jours.
- Como é (1961) experimento literario radical.
- Eh Joe, peza escrita para a BBC e presentada en 1966.
- Têtes-mortes (1967).
- Sen (1969).
- Breath Performance (1969).
- Primeiro amor (1970), sketch de cine cómico mudo.
- Residua colección de catro textos escritos entre 1957 e 1966.
- O despoboador (1970).
- Pour finir encore (1976).
- Poemas (1979).
- Catástrofe (dedicada a Vaclav Havel) (1982).
- Pavesas publicada por Tusquets en 1987, é unha recompilación de tódalas obras radiofónicas, televisivas e teatraes que pola súa corta extensión non puideron publicarse en libro.