Ronald Syme
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ronald Syme (11 de marzo de 1903 – 4 de setembro de 1989), foi un historiador da Roma antiga, un dos máis eminentes do século XX.
Naceu en Eltham, Nova Celandia. Estudou francés e literatura nas Universidades de Auckland e Wellington, en 1925 partiu para Inglaterra, estudou no Oriel College de Oxford (1925-1927). En 1929 convértese en titor do Trinity College (1929-1949), publicou The Roman Revolution, centrado no ascenso de Octaviano e a instauración como Augusto, en 1939 que o converteu nunha autoridade mundial recoñecida. Durante a Segunda Guerra Mundial, Syme foi catedrático de filoloxía clásica en Estambul (1942-1945). En 1949 foi nomeado profesor de Historia Antiga no Brasenose College, Oxford (1949-1970), catedrático de Historia Antiga na Royal Academy of Arts (1976-1989)
[editar] Obras
Unha das súas primeiras obras foi The Spanish War of Augustus (26-25 B. C.) publicada en 1934 en The American Journal of Philology sobre a campaña de Augusto no noroeste da Península Ibérica. A obra pola que se lle recorda, The Roman Revolution (1939), foi unha análise, maxistral e controvertida ao tempo, da vida política romana no período que seguíu ao asasinato de Xulio César. Inspirado no ascenso dos réximes fascista e nazi en Italia e Alemaña e seguindo o estilo e o pesimismo de Tácito Syme devolvía a historia ás fontes antigas, mostrándonos un Augusto feroz, astuto, demagogo e hábil que restaurou a orde pública restaurando a República como pretexto para compoñer unha monarquía baseada nas relacións persoais e na ambición das familias políticas romanas, todo isto por medio dunha historia narrativa baseada nun fondo coñecemento das fontes antigas.
En 1958 saíu do prelo a súa biografía sobre Tácito, Tacitus, en dous volumes, constituíu un fito historiográfico, aínda o máis completo estudo desta figura, cun exhaustivo tratamento do contexto histórico e político. En 1964 seguíulle a biografía de Salustio, Sallust. Dedicou catro libros á Historia Augusta, unha colección de biografías dos emperadores desde Adrián ata Carino.