O crepúsculo e as formigas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O crepúsculo e as formigas é a segunda colección de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín, escrita en 1961, despois de Percival e outras historias, de 1958.
Nos relatos existe un ambiente de terror, no que as persoas camiñan como formigas en fileira, movidas por forzas cegas, que levan cara un tráxico destino. A brevidade e densidade dos relatos están apoiadas polas recorrencias do discurso que incorpora variados procedementos técnicos: o emprego da estrutura epistolar, do monólogo interior, da rutura temporal ou da técnica cinematográfica. O enfoque difuminado vertebra as historias deste libro, tal como se declara no texto inicial que precede ós contos:
O alento da miña boca vai embazando progresivamente o cristal que se interpón entre os homes e a miña ollada. Eu non limpo o cristal, non abro a fiestra. Deixo, lector, que ese bafo inapalpábel desfigure a miña imaxe dos tebregosos homes da vila, no crepúsculo, que mesmamente enchen a rúa estreita e prolongada coma se foran unha columna de formigas en marcha.