Maupiti
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Maupiti é unha das illas de Sotavento das illas da Sociedade, na Polinesia Francesa. É a illa volcánica máis occidental do arquipélago, a 40 km ao oeste de Bora Bora.
Maupiti consiste nunha illa de 380 m de altitude que se atopa no medio dunha lagoa rodeada por cinco illotes baixos e uns escollos de coral (animal) e aberta ao océano por dous pasos navegables. A superficie terrestre é de 11 km2;.
A vila principal é Vaiea, cunha poboación total de 1.192 habitantes no censo do 2002. A actividade principal é o cultivo de sandías e a recolección de copra. O templo protestante é o centro relixioso e social da illa, aínda que os adventistas e os mormons teñen tamén os seus lugares de culto.
Atópanse vestixios arqueolóxicos datados ao redor do ano 850 dC. Trátase de petróglifos representando tartarugas, anzois e colgantes de dentes de cachalote que son comparables aos atopados en Nova Zelandia, pero anteriores. O primeiro europeo que a viu foi o neerlandés Jacob Roggeveen en 1722. Historicamente a illa tivo unhas relacións estreitas con Bora Bora. Ao principio do século XIX quedou baixo a soberanía do gran xefe de Bora Bora. En 1877 entrou en conflito coa illa veciña por litixios sobre o atolón Manuae, e pediu o protectorado francés.
Historicamente coñecíase co nome de Maurua, e Domingo Boenechea en 1775, chamouna San Antonio.