Manuel Facal
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel Facal Ponte, nado en Carballo en 1943, é un pintor e gravador galego.
Índice |
[editar] Traxectoria artística
Nos seus inicios dedícase ao debuxo, con inspiración en Picasso, Dalí ou Urbano Lugrís. Achégase a tendencias máis convencionais un breve espazo de tempo que vive en Vigo. A mediados da década dos setenta trasládase a Barcelona, para estudar e traballa no deseño gráfico e téxtil.
A súa dedicación ao gravado empeza durante a súa estancia en Londres, nos anos setenta, onde aprende a técnica de man da arxentina Carmen García. Interésalle a textura e a morfoloxía dos materiais. Viaxa por Grecia, Turquía e Italia e Cultiva un cinetismo emparentable con Vasarely e Eusebio Sempere, exacto, xeométrico, case mecánico.
Coñece Nova York, onde profundiza en novos modos de expresión, e vai ao norte de Europa para ensaiar representacións abstractas de animais. O seu dominio das técnicas do gravado lévano a realizar obras para artistas como Miró; tamén ensaia a pintura de gran materia, afastada da representación formal, e os seus cartafois de gravados sobre Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e outros escritores galegos.
O movemento aglutinado por Atlántica nos anos oitenta proxecta a súa visión da arte, que deriva cara a modos "pobres" do cartón e a colaxe. Non abandona a estampación e un dos traballos máis notables foi a serie de augafortes titulada "As cinzas do amor", sobre textos de poetas españois. En 1987 instálase nunha vila da serra de Málaga.
Realiza exposicións en todo o mundo: Nova York, Londres, Porto Rico, Noruega, Galiza e Sudamérica e con presenza en importantes colectivas de pintura e sobre todo, gravado. Está representado en museos de Galiza, Centro e Sudamérica, Estados Unidos, España, países escandinavos e Portugal.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- VV. AA.: O proceso abstracto. Santiago, Consorcio da Cidade de Compostela, 1993.
- I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.