Manuel Beiras
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel Beiras García (Santiago de Compostela, 10 de abril de 1904- id., 28 de xullo de 1996) foi un intelectual galego e político galeguista. Pai do dirixente nacionalista galego Xosé Manuel Beiras.
Graduado pola Escola de Comercio da Coruña, dende moi xove comezou a escribir. Aos dezaseis anos publicou o seu primeiro artigo xornalístico en El Diario de Galicia. Posteriormente seguiu escribindo e traducindo ao galego baixo o pseudónimo "Eu ben sei".
Católico e galeguista, foi un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931. Ao ano seguinte promoveu a celebración da primeira misa en galego. Beiras militou no Partido Galeguista até 1935, cando xunta con outros militantes encabezados por Xosé Filgueira Valverde e Vicente Risco abandona o partido polos seus pactos coa esquerda e fundan a Dereita Galeguista.
Trala guerra civil prosigue as súas actividades culturais e crea, xunta con outras personalidades de Galiza, coma Otero Pedrayo, Gómez Román, Luis Iglesias, Fermín Bouza Brey, Jaime Islas, Antón Fraguas e Jesús Ferro Couselo, o Patronato Rosalía de Castro. Foi tamén moi activo no ámbito compostelán, creando a Orquestra Filarmónica de Compostela e promovendo actos como a celebración do Día de Galiza en Santiago de Compostela ou a Festa do Traxe Galego.
Tralo fin da ditadura franquista, foi concellal no concello de Santiago de Compostela en 1979 polas listas da coalición Unidade Galega, e un dos responsáveis da refundación de Partido Galeguista en 1978. En 1985, ante a decisión da maioría dos militantes de disolver o partido e integrarse en Coalición Galega, participa nunha nova refundación do partido (V Congreso), formando parte da executiva do partido. Nas eleccións autonómicas galegas de 1989 foi número dous nas listas do Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) pola Coruña, sen obter acta de diputado.
Traduceu ao galego "Os contos de Grimm" e "Platero e eu". Obtuvo a Medalla Castelao en 1987, a Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán de Santiago de Compostela en 1991 e foi nomeado Galego do Ano pola Universidade de Santiago de Compostela en 1995.
Estaba casado con Herminia Torrado Moldes e era pai de nove fillos.