John Steinbeck
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
John Ernst Steinbeck III (Salinas, California, 27 de febreiro de 1902 - Nova York, 20 de decembro de 1968) foi un dos escritores americanos de maior sona no século XX. Gañador do Premio Pulitzer en 1940 e obsequiado co Premio Nobel de Literatura en 1962, adquiriu popularidade como novelista con Of Mice and Men (De ratos e homes, 1937) e The Grapes of Wrath (As uvas da ira, 1939), nas que examina as vidas da clase traballadora durante a Gran Depresión, e sobre todo pola súa novela East of Eden (Ó leste do Edén, 1952), protagonizada por James Dean na versión cinematográfica de Elia Kazan.
Índice |
[editar] Vida
[editar] A infancia e os estudos
John Steinbeck naceu o 27 febreiro de 1902 na pequena cidade de Salinas en California. O seu pai, John Ernst Steinbeck II, era tesoureiro do condado de Monterey mentres que a nai, Olive Hamilton Steinbeck, muller de carácter firme, era mestra. John tivo unha nenez serena coas súas dúas irmás maiores Esther (1892) e Elizabeth (1894) e coa máis nova, Mary (1905). Medrou desenvolvendo un forte vencello afectivo co ambiente do val de Salinas e da costa próxima do Pacífico onde a familia soía pasar as fins de semana no verán.
Ós 14 anos John, rapaz tímido e esquivo, decide que quere ser escritor e pasa a súa adolescencia escribindo contos e poesías.
Interesado na Bioloxía, en 1919 inicia os estudos universitarios na Stanford University, frecuentando cursos de literatura inglesa e escritura creativa. Do 1919 ó 1925, ano en que abandonou definitivamente a universide, Steinbeck interrompe os estudos para dedicarse a facer traballos ocasionais e temporeiros, entrando en contacto cun ambiente que influenciou notablemente as súas novelas. En 1925 trasládase a Nova York pero regresa a California ó ano seguinte.
[editar] A mocidade e os prolegómenos literarios
En Nova York Steinbeck traballou durante un breve período como xornalista para o diario New York American. De volta en en California traballa do 1926 ó 1928 como garda dunha residencia estival no lago Tahoe. Esta actividade déixalle moito tempo libre e no verán de 1929 publica a súa primeira novela Cup of Gold (Copa de ouro). Será a única novela histórica do autor, publicada apenas dous meses antes do "xoves negro" de Wall Street. Coma as dúas novelas seguintes, The Pastures of Heaven (Os prados do ceode 1932) e To A God Unknown (A un deus descoñecido de 1933), non obterá éxito de crítica nin de vendas. O 14 de xaneiro de 1930 casa con Carol Henning, marxista coa que vivirá de cerca a política dos grupos radicais e comunistas americanos, sen nunca chegar a afiliarse, como fai ela, ó Partido Comunista dos Estados Unidos. A parella trasládase a Pacific Grove onde sobreviven co sostén económico da familia de John. Ese mesmo ano Steinbeck coñece o biólogo mariño e filósofo Edward F. Ricketts, cuxa amizade proporcionaralle un rico intercambio de ideas que influirán de maneira decisiva o seu pensamento.
[editar] Os éxitos
O primeiro éxito chégalle en 1935 coa publicación de Tortilla Flat. No outono de 1936 ve publicada a novela In Dubious Battle (En batalla dubidosa). Steinbeck obtén con esta última novela o encargo do San Francisco News de escribir unha serie de artigos (intitulados despois The Harvest Gipsy) sobre as condicións de vida dos inmigrantes chegados de Oklahoma a California. Utilizando o material recollido para a redacción dos artigos escribe a novela Of Mice and Men (De ratos e homes), fará a adaptación á escena da obra de teatro homónima que se representará en Nova York ese mesmo ano (1937), e dunha recolla de contos breves publicada en 1938 compoñerá a súa novela máis célebre, The grapes of the wrath (As uvas da ira). Non obstante, o éxito da novela vese parcialmente velado polos ataques políticos violentos a causa das descricións dos conflitos entre os traballadores (asalariados temporais) e os propietarios das terras, da linguaxe vulgar empregada e da orientación ideolóxica, que é atilada de "excesivamente de esquerdas". En todo caso, a novela foi premiada no 1940 co Premio Pulitzer e no 1941 filmouse a película homónima. A pesar das simpatías pola esquerda, Steinbeck era un convencido defensor do New Deal de Franklin D. Roosevelt.
[editar] A guerra e a posguerra
En 1940 realizou un documental sobre as condicións de vida nas áreas rurais de México, The Forgotten Village (A aldea esquecida) e tomou parte nunha expecidicón mariña organizada por Ricketts no Golfo de California. Ó ano seguinte publicaron os dous xuntos The Sea of Cortez (O mar de Cortés). En 1941 separarase da súa muller e trasládase a Nova York coa cantante Gwyndolyn Conger con quen casará en 1943 tras obter o divorcio de Carol Henning.
Pasa parte da segunda guerra mundial en Europa e en África como correspondente de guerra para o New York Herald Tribune. Escribe un diario de guerra baixo o título de Once there was a War narrando de maneira extensa as vidas dos soldados na súa cotidianidade, sen deterse nin facer fincapé nos episodios de heroísmo senón máis ben no intento de sobrevivir ó perigo da guerra. Esta crónica será publicada en 1958.
En 1944 a familia múdase a Monterey, onde nace o seu primeiro fillo, Thom, e en 1946 o segundo, John IV.
En 1947, por encargo do New York Herald Tribune fai unha viaxe á Unión Soviética en compañía do fotografo Robert Capa. Ó ano seguinte, no que morre o seu amigo Ricketts, publicará o diario de viaxe, A Russian Journal Un diario ruso. Divórciase de Gwyndolyn Conger e en 1950 casará con Elaine Anderson Scott, que será a súa esposa ata a súa morte.
[editar] Os derradeiros anos
Rematada a guerra e nos anos seguintes Steinbeck repetirá os éxitos do período anterior. As súas novelas Cannery Row e Sweet Thursday (Tenro xoves) serían axuizadas negativamente por algúns críticos que vían nelas unha replica de Tortilla Flat.
Despois duns anos de viaxes por Europa e África, en 1952 publicará a novela que o consagrará definitivamente, East of Eden (Ó leste do Edén). Dese mesmo ano é o guión de Viva Zapata!, filme dirixido por Elia Kazan con Marlon Brando no papel protagonista. Kazan sería tamén o realizador de East of Eden en 1955.
A partir de 1955 Steinbeck vive coa muller en Long Island. En 1960 fai un viaxe a través dos Estados Unidos co seu can Charley que acabará dando como resultado en 1962 os Travels With Charley in Search of America (Viaxes con Charley na procura de América). Ese mesmo ano foille conferido o Premio Nobel de Literatura.
Morreu o 20 de decembro de 1968. As súas cinzas foron sepultadas no cemiterio Garden of Memories de Salinas.
[editar] Obra
Xornalista e cronista de guerra durante a Segunda Guerra Mundial, é autor dunha extensa obra literaria que abrangue dende á novela longa á novela curta, e dende o relato breve ó documental e a adaptación cinematográfica. O estilo de Steinbeck é principalmente naturalista e dotado dunha gran viveza. Ademais do interese persoal por California e as clases traballadoras, a súa produción literaria reflicte un amplo abano de temas que van dende a bioloxía mariña á filosofía, dende o jazz á política, dende os mitos á historia. Revelador do espírito da súa obra é o símbolo identificativo de que se servía, o "Pigasus" (de "pig", 'porco, cocho' en inglés e Pegasus 'Pegaso, o cabalo alado da mitoloxía grega'), un porco voador, «pegado á terra pero aspirando a voar». Da súa obra só se traduciron para o galego dúas novelas: A perla en 1990 por Benigno Fernández Salgado e De ratos e homes por Álvaro de Prado en 1997. Ambas foron publicadas pola editorial Galaxia. A lista completa das súas obras inclúe estes títulos:
[editar] Listaxe de obras literarias
- Cup of Gold: A Life of Sir Henry Morgan, Buccaneer, With Occasional Reference to History 1929
- The Pastures of Heaven 1932
- The Red Pony 1933
- To a God Unknown 1933
- Tortilla Flat 1935
- In Dubious Battle 1936. O título é unha referencia ó "Paraíso Perdido" de John Milton.
- The Harvest Gypsies: On the Road to the Grapes of Wrath 1936. Artigos xornalísticos.
- Of Mice and Men 1937. Trad. ó galego: De ratos e homes. O título refírese ó poema "To a Mouse" de Robert Burns.
- The Long Valley 1938
- The Chrysanthemums 1938
- The Grapes of Wrath 1939. O título é unha referencia á canción "The Battle Hymn of the Republic da Guerra Civil Americana.
- Forgotten Village 1941
- Sea of Cortez: A Leisurely Journal of Travel and Research 1941. Con Edward F. Ricketts.
- The Moon Is Down 1942. O título é reminiscente do "Macbeth" de William Shakespeare.
- Bombs Away: The Story of a Bomber Team 1942
- Cannery Row 1945
- The Pearl 1947. Trad. ó galego: A perla.
- The Wayward Bus 1947
- A Russian Journal 1948. Con Robert Capa como fotógrafo.
- Burning Bright: A Play in Story Form 1950
- Log from the Sea of Cortez 1951
- East of Eden 1952. O título fai referencia á Biblia, en concreto a Xenese, 4:16.
- Sweet Thursday 1954
- The Short Reign of Pippin IV 1957
- Once There Was A War 1958
- The Winter of Our Discontent 1961. O título fai referencia á obra de teatro de William Shakespeare "Ricardo III".
- Travels With Charley: In Search of America 1962. Un traballo semidocumental dunha viaxe en coche polos Estados Unidos co seu can Charley.
- America and Americans 1966
- Journal of a Novel: The East of Eden Letters 1969
- Viva Zapata! the Original Screenplay 1975
- The Acts of King Arthur and His Noble Knights 1976
- Working Days: The Journals of the Grapes of Wrath 1938-1941 1989
[editar] Guións propios e filmes sobre a súa obra
Unha boa parte das súas novelas, entre elas Cannery Row (1945) e The Pearl (A Perla, 1947), foron levadas ó cine. O propio Steinbeck acadou certo éxito en Hollywood como escritor de cine, conseguindo unha nominación como "Mellor Guionista" por Lifeboat de Alfred Hitchcock en 1945.
- 1939 – Of Mice and Men – dirixido por Lewis Milestone, con Burgess Meredith, Lon Chaney, Jr. e Betty Field nos papeis protagonistas.
- 1940 – The Grapes of Wrath – dirixido por John Ford, e protagonizado por Henry Fonda, Jane Darwell e John Carradine
- 1941 – The Forgotten Village – dirixido por Herbert Kline, narrado por Burgess Meredith
- 1942 – Tortilla Flat – dirixido por Victor Fleming, protagonizado por Spencer Tracy, Hedy Lamarr e John Garfield
- 1943 – The Moon is Down – dirixido por Irving Pichel, con Lee J. Cobb e Sir Cedric Hardwicke
- 1944 – Lifeboat – dirixido por Alfred Hitchcock, con Tallulah Bankhead, Hume Cronyn e John Hodiak
- 1944 – A Medal for Benny – dirixido por Irving Pichel, featuring Dorothy Lamour e Arturo de Cordova
- 1947 – La Perla (The Pearl, Mexico) – dirixido por Emilio Fernández, e protagonizado por Pedro Armendáriz e María Elena Marqués
- 1949 – The Red Pony – dirixido por Lewis Milestone, con Myrna Loy, Robert Mitchum e Louis Calhern
- 1952 – Viva Zapata! – dirixido porElia Kazan, con Marlon Brando, Anthony Quinn e Jean Peters
- 1955 – East of Eden – de Elia Kazan, con James Dean, Julie Harris, Jo Van Fleet, e Raymond Massey nos papeis principais.
- 1956 – The Wayward Bus – dirixido por Victor Vicas, con Rick Jason, Jayne Mansfield e Joan Collins
- 1961 – Flight – con Efrain Ramírez e Arnelia Cortez
- 1962 – Ikimize bir dünya (Of Mice and Men, Turquía)
- 1972 – Topoli (Of Mice and Men, Irán)
- 1982 – Cannery Row – dirixido por David S. Ward, e protagonizado por Nick Nolte e Debra Winger
[editar] Ligazóns externas
- Recursos críticos: John Steinbeck
- National Steinbeck Center en Salinas, California
- Páxina do Nobel Laureado
- 2002 Entrevista con Thomas Steinbeck, fillo de John Steinbeck
- 1989 Entrevista de Elaine Steinbeck con Don Swaim sobre John Steinbeck, RealAudio
- 1989 Entrevista de Robert Demott con Don Swaim sobre John Steinbeck, RealAudio
- Ficha do FBI de John Steinbeck
- Valley of the World: O país de Steinbeck
- Citas de John Steinbeck
- Artigo sobre a obra de Steinbeck en inglés
- Biografía de Steinbeck en español