John Balan
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel Outeda, chamado artisticamente John Balan, nado no Seixo (Marín), en 1934 e falecido o 19 de marzo de 2008 en Pontevedra, foi un artista galego.
Actor afeccionado, comezou a súa carreira a principios dos anos sesenta, cantando polos bares de Pontevedra e actuando ocasionalmente con orquestras. Coñeceu a fama logo de aparecer nos anos setenta en diversos programas de televisión, da man do presentador José María Íñigo. Nas súas actuacións era capaz de imitar numerosos acentos e sons distintos, polo que era coñecido como home orquestra, e aparecía comunmente disfrazado de vaqueiro, falando un falso inglés. Esa é a orixe do seu pseudónimo. Tamén improvisaba guións de filmes en base a esquemas xenéricos, entre os que figuraba a miúdo o western.
Na recta final da súa carreira profesional realizou diversas colaboracións para a Televisión de Galicia, anuncios publicitarios e traballou como animador para orquestras populares.
Enfermo de hemiplexía, pasou os seus últimos anos no asilo de anciáns de Pontevedra. Unha rúa de Marín leva o seu nome.