Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en 1981 tras a unión da ING e a CTG. En xaneiro de 1982 celebrou o primeiro Congreso, no que saiu elixido secretario xeral Lois Ríos. En 1982 integrouse nela a Confederación Sindical Galega e nas eleccións sindicais de 1982 conseguiu 1649 delegados (18'5%). En 1983 Xan Carballo saiu elixido novo secretario xeral. En maio de 1984 constituiuse a corrente interna, Corverxencia Sindical Nacionalista, que era un sector próximo ao PSG-EG, que maioritariamente proviña da CTG e a CSG e que en 1985 cindiuse e constituíu a Confederación Xeral de Traballadores Galegos. Nas eleccións sindicais de 1986 a INTG conseguiu 1067 delegados, quedando por baixo da CXTG.
En maio de 1987 celebrou o seu III Congreso que elixiu a Manuel Mera como secretario xeral nun ambiente de tensión que se reflectiu na nas eleccións para o secretariado, centradas nas relacións coa CXTG, no que concorreron tres listas, a lista próxima ao BNG conseguiu 6 membros, a próxima a FPG 3 e a de APU 1.
En 1990 formou coa CXTG a Converxencia Intersindical Galega para concorreren as dúas en coalición ás eleccións sindicais, que en 1994, ao se uniren definitivamente, transformouse na Confederación Intersindical Galega (CIG)