Espiral Maior Edicións
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Espiral Maior, editora galega fundada no ano 1991 e dirixida dende entón polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello. Aínda que abrangue tamén xéneros como a narrativa ou o teatro, a súa actividade principal é a edición de poesía, xénero do que leva editados máis de douscentos títulos. Dende a súa fundación, a editora publica boa parte dos premios de poesía de concellos e asociacións galegas, contando tamén co seu propio certame, o "Premio Espiral Maior de Poesía", convocado dende 1992 e aberto dende o ano 2006 a obras en idioma portugués. A colección principal de poesía caracterizouse por sufragar parte dos seus custes através da suscrición. Os nomes dos suscritores figuran na última páxina de cada volume e reciben un exemplar numerado e autografado polo autor. Ademais da colección principal de poesía, a editora tivo a colección "A Illa Verde", de prezos populares (hoxe extinta), e a colección "Opera Omnia", edicións moi coidadas dedicadas a acoller as obras completas de autores canónicos.