Castriño de Conxo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Castriño de Conxo | |
---|---|
Concello: | Santiago de Compostela |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación: | ? |
Data da descuberta: | ? |
Períodos de escavación: | Non escavado |
Estado actual: | Abandono, petróglifos visitables |
Extensión estimada: | ? ha. |
Véxase tamén: Castros de Galicia |
O Castriño de Conxo é un xacemento arqueolóxico composto por un castro prerromano (non estudado) e nel unha rocha cuxa superficie contén unhas serie de gravuras coñecidas como petróglifos.
Índice |
[editar] Situación
O xacemento do Castriño de Conxo atópase na parroquia de Santa María de Conxo, pertencente ao concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, no lugar coñecido como A Rocha Vella.
[editar] Os petróglifos
Nunha rocha (lamentablemente dividida por un cercado) pouco elevada sobre o terreo (como é común nos petróglifos galegos) situada no parapeto superior do xacemento castrexo atopamos uns petróglifos gravados na súa superficie que posúen unha especial relevancia en canto as representacións de armas, vinculadas os modelos británicos datables ao redor do III-II milenio antes de Cristo. Tamén se aprecian deseños triangulares (algún raiado) que algúns autores interpretan como ídolos antropomorfos, outros como machados de dobre anel ou escudos triangulares.
Pódense observar claramente figuras como un puñal (con dobre nervadura), dúas espadas enfrontadas pola empuñadura e unha terceira mais a dereita; tamén ata catro posibles, simplificadas, alabardas (de representación moi pouco usual nas nosas terras), arma de orixe centroeuropea, e outros trazos diversos moi erosionados (posibles restos doutras armas representadas).
As armas representadas son os obxectos que permiten dar a posible cronoloxía exposta con anterioridade. De especial relevancia é que non se representan machados ou outros apeiros agrícolas ou de carácter utilitario, só armas, cuxa posesión é interpretada como símbolo de poder e prestixio dunha sociedade que camiña dende unha situación de igualdade cara a unha sociedade estratificada e fortemente xerarquizada.
[editar] O castro
Pese a non ser tido obxecto de estudio realizáronse diversas prospeccións arqueolóxicas que percibiron un recinto ovalado moi irregular. Nel atopáronse muiños de man e diversos anacos de cerámicas castrexas. Só un muro foi visible (5 metros de lonxitude por medio metro de altura).
[editar] Situación actual
Atópase en completo estado de abandono polo que, aínda que posible (principalmente os petróglifos), non é fácil a súa visita, xa que se atopa cuberto de vexetación e arboreda. Está dividido por un aramado que o divide quedando gran parte do xacemento en propiedade privada