Carlos Varela
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Varela.
Carlos Varela Veiga, nado en Lugo o 29 de outubro de 1945 e falecido en Malpica o 20 de agosto de 1980, foi un cineasta galego.
[editar] Vida
Estuda dende neno en Xixón, onde se titula como mestre industrial. En 1965 obtén o título de deliñante naval pola Universidade da Coruña. Logo dunha breve estadía en Barcelona instálase como profesor de debuxo en Lugo.
En 1972 inicia a súa militancia na UPG, ao tempo que comeza a súa traxectoria como deseñador gráfico, cineasta e promotor do cine. Cofunda o cineclube Valle Inclán de Lugo, e logo, en 1976 cofunda a produtora cinematográfica Nós.
Falece en Malpica, nun accidente provocado por unha bombona de butano.
[editar] Traxectoria artística
Dende comezos dos anos setenta traballa pola súa conta no deseño gráfico, na cerámica, co macramé e co liño. Tamén colabora co pseudónimo Dourado en El Correo Gallego e en El Progreso facendo crítica cinematográfica. Os seus documentais, non editados en vida, foron filmados cunha cámara de súper 8, e centráronse na recollida dos movementos de protesta da época da transición en Galicia: as manifestacións universitarias de Compostela en setembro de 1976, a constitución do Consello de Forzas Políticas Galegas, as protestas contra a expropiación das Encrobas, contra a instalación da central nuclear de Xove, no areal de Baldaio, ou contra a cota empresarial da Seguridade Social Agraria.
Colabora na organización das Xornadas de Cine de Ourense e a partir de 1977 traballa de reporteiro gráfico para o refundado semanario, A Nosa Terra, co seudónimo "Brais".
[editar] Homenaxes
Na súa memoria, creouse en Santiago o Cineclube Carlos Varela Veiga, que se mantivo en activo entre 1982 e 1987. En 2007 o director de cine Ramiro Ledo dirixiu o filme Cine Clube Carlos Varela, onde se recollen parte das súas gravacións.