Carlo Collodi
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Carlo Collodi é o pseudónimo de Carlo Lorenzini, escritor italiano nado o 24 de novembro de 1826 en Florencia, onde faleceu o 26 de outubro de 1890.
A súa sona provén do ser o autor do relato de literatura infantil Le avventure di Pinocchio. Storia di un burattino, mundialmente coñecido de xeito abreviado como Pinocchio (en galego Pinoquio, en castelán Pinocho).
[editar] Biografía
Procedía dunha familia humilde. Seu pai era cociñeiro e súa nai serventa doméstica. Puido estudar grazas á axuda da familia Gironi Garzoni.
De 1837 até 1842 estivo nun seminario, en Colle di Val d'Elsa, con idea de instruírse e facerse sacerdote. Logo deixouno e recibíu leccións de filosofía. Pasou posteriormente a traballar nunha librería. En 1848, aínda novo, participou na guerra no Piemonte, no Norte de Italia, contra os austro-húngaros
Lorenzini comezou colaborando en xornais humorísticos e xusto logo do regreso da guerra fundou unha modesta revista Il Lampione.
En 1856 escrebeu un artigo no que usou por primeira vez o pseudónimo Collodi, que corresponde a un lugar de Pescia, da que era orixinaria súa nai. Dese mesmo ano datan as primeiras obras significativas que publicou: Gli amici di casa e Un romanzo in vapore. Da Firenze a Livorno. Guida storico-umoristica.
Tres anos máis tarde participou nas nova loita polo Risorgimento ou da independencia italiana en 1859. Fíxose xornalista xa en maio 1860. Escrebeu algunhas novelas e pezas teatrais, que non tiveron grande éxito.
A partir de 1875 Carlo Collodi comezou a escreber para a infancia, adaptando os Contos de Charles Perrault, e outros autores, en italiano.
Premido por débedas de xogo, princupiou a escreber Pinocchio en 1881, que foi aparecendo como folletín no Giornale per i bambini até 1883. O relato abríulle as portas do éxito, mais Collodi non voltaría a atopar xamais unha inspiración similar para obras posteriores. En 1877 publicou Giannettino, e, en 1878, Minuzzolo.
En 1883 publicou "Pinocchio" como libro, e no mesmo ano pasou a ser o director do Giornale per i bambini.
Carlo Collodi faleceu repentinamente; foi sepultado no cimeterio de San Miniato al Monte de Florencia.
Un dos seus sobriños, Paolo Lorenzini, tamén escritor, lograría unha certa celebridade, nomeadamente nos Estados Unidos, mercé a fama do tío, adoptando o pseudónimo de Collodi Nipote.