Adrián Troitiño
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Adrián Troitiño Alcobre (Moalde, Silleda, 3 de xaneiro de 1869 - Montevideo 26 de maio de 1941) foi un sindicalista libertario.
Emigrado como polizón a Bos Aires en 1880, axiña comezou a traballar de panadeiro. Comezou a contactar co movemento libertario e na dirección do seu gremio.
Na súa actividade como sindicalista destacou como representante da Sociedad de Resistencia y Colocación de Obreros Panaderos en Montevideo e do Sindicato de Oficios Varios de Villa del Cerro. Participou en México na Conferencia Latino Americana del Trabajo, e foi membro da dirección do Sindicato de Vendedores de Diarios, ademais de xestor da "Casa del Canillita".
Nos primeiros anos do século XX compaxinou a actividade política e sindical coa participación en medios xornalísticos. Foi director da redacción da publicación El Obrero.
A finais de 1902 foi expulsado de Arxentina xunto a Xulio Camba. Tras chegaren a Cádiz foron levados a Barcelona. Alí foron apresados para previr atentados ante a presencia do vicepresidente de Arxentina. Transladados á prisión de Pontevedra, foron postos en liberdade, pero Adrián Troitiño foi requerido polo goberno militar da Coruña para facer o servizo militar, malia ter xa 33 anos. Evitouno ó alegar ter unha hernia.
Ó chegar a España desde Arxentiña viña coa súa muller e con cinco fillos, dos que un morrería en Barcelona, polo que pediu axuda a Xulio Camba.
Anos despois volvería a emigrar a latinoamérica e a seguir coa labor sindicalista, pero xamais regresaría a Arxentina, onde tiña vedada a entrada. Morreu en Montevideo en 1941, onde foi moi homenaxeado, sendo o seu nome posto a unha avenida.