Sala capitular
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Estancia dun mosteiro construída xeralmente na á leste do claustro. Adoita ser unha peza moi ampla para dar cabida a tódolos monxes, favorecida con boa ornamentación arquitectónica. Nalgúns mosteiros de estilo románico ou gótico accédese a esta sala por unha entrada que constitúe unha verdadeira fachada en pequeno, con porta de arquivoltas e moita decoración.
Neste lugar reuníase a comunidade de monxes co abade para facer o capítulo, é dicir, recordar as escrituras da regra adoptada e conversar sobre asuntos concernentes ao mosteiro e os seus moradores. As reunións facíanse xeralmente logo da misa, pola mañá. Os monxes sentábanse aos longo dos muros seguindo unha rigorosa orde de antigüidade. Terminábase o acto coa confesión pública dos monxes que desexasen acusarse a si mesmos das faltas cometidas ou desexasen denunciar a algún outro compañeiro; neste caso debía omitirse o nome.
A á da sala capitular era a primeira que se construía no claustro do mosteiro. Empezábase a edificar pouco despois de se ter levantado a cabaceira da igrexa.