Rodolfo Valentino
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Rodolfo Valentino (Castellaneta, Italia, 6 de maio de 1895 - Nova York, 23 de agosto de 1926) foi un actor estadounidense de orixe italiana. De nome verdadeiro Rodolfo Pietro Guglielmi, o que sería sen dúbida a estrela cinematográfica masculina máis idolatrada da década dos 20 emigrou a Estados Unidos en 1913 en busca de fortuna. Os seus primeiros traballos nada tiveron que ver coa fama, nin sequera co espectáculo, pois empezou gañandose a vida traballando coma fregapratos e xardineiro (estudara agronomía en Italia). Posteriormente, entrou no mundo do espectáculo coma bailarín de vodevil.
En 1918 Valentino trasladouse a Hollywood, onde comezou a aparecer na pantalla interpretando papeis secundarios. A súa gran oportunidade chegoulle en 1921, ano en que interpretou o papel de Xulio en Os catro xinetes da Apocalipse (The Four Horsemen of the Apocalypse). O éxito da película levouno, ese mesmo ano, a rodar A dama das camelias (Camille), obra que confirmaría o seu fulgurante salto ao estrelato. Da man dos máis habilidosos representantes, pronto levantou as pasións de millóns de admiradoras e convertiuse na figura romántica masculina por antonomasia. A súa figura enxuta e apasionada destilaba todas as esencias propias do "latin lover". O exotismo dos seus personaxes non tardou en contaxiarse á súa vida personal e as súas aparicións públicas estiveron pronto imbuidas dun aparatoso misticismo orquestrado polos estudos e fomentado por el mesmo.
Entre as películas de Valentino, na súa maioría dramas románticos, destacan O caíd (The Sheik, 1921), Sangue e area (Blood and Sand, 1922), A aguia negra (The Eagle, 1925), e O fillo do caíd (The son of the Sheik, 1926). O seu inesperado falecemento, tras a perforación dunha úlcera diagnosticada demasiado tarde, produciuse cando só contaba trinta e un anos de idade e se encontraba no cumio da súa fama. A noticia da súa morte conmocionou ao público de todo o mundo, e provocou numerosas manifestacións públicas e non poucos intentos de suicidio entre as súas admiradoras.