Radio atómico
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O radio atómico é a distancia entre o núcleo do átomo e o electrón estable máis afastado do mesmo. Adóitase medir en picómetros (1 pm=10-12 m) ou Angstroms (1 Å=10-10 m).
Ao ser os núcleos e os electróns partículas cuánticas, sometidas ao principio de indeterminación ou incerteza de Heisenberg, as medidas directas de distancias non poden ter senón un significado estatístico. Convencionalmente, defínese como a metade da distancia existente entre os centros de dous átomos enlazados, e dependendo dese enlace poderemos falar de radios atómicos, iónicos, metálicos ou radios de van der Waals.
En función do tipo de enlace químico defínense tamén outros radios como o covalente (xeralmente para elementos non metálicos) e o iónico (para elementos metálicos). Situados agora na táboa periódica, unha sinxela regra mnemotécnica para recordar o modo en que aumenta o radio atómico é a seguinte:
O radio atómico dun elemento aumenta de arriba a abaixo e de dereita a esquerda na táboa periódica dos elementos.