Pitiusas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As Illas Pitiusas (en catalán, Pitiüses) sitúanse no mar Mediterráneo, dentro do arquipélago balear. Consta de dúas illas, Eivissa e Formentera, e múltiples illotes (Espalmador, Espardell...). Politicamente, forman o Consello Insular de Eivissa e Formentera (en catalán, Consell Insular d'Eivissa i Formentera), dentro da comunidade autónoma das Illas Baleares, en España.
O nome de "Pitiusas" xa foi comentado por Plinio o Vello, ao existir gran número de piñeiros que poboaban as dúas illas (pitys é piñeiro en grego). Ao contrario que na actualidade, os gregos e romanos diferenciaban claramente as Pitiusas do resto das Baleares, que denominaban Gimnesias e nas que incluían unicamente a Mallorca e Menorca.
As illas caracterízanse pola presenza de especies e subespecies de mamíferos e réptil endémicos, normalmente de tamaño maior aos seus parentes no continente europeo. A maioría da fauna e flora autóctonas atópanse ameazadas pola proliferación urbanística e a introdución de especies foráneas, especialmente en Eivissa.