Mohamed Bassir
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Mohamed Sidi Brahim Bassir (nome completo:Bassir Mohamed uld Hach Brahim uld Lebser) (1942 - 1970?) foi un líder nacionalista saharauí.
Naceu en Tan-Tan (entón no Sahara español, en 1958 pasou a Marrocos) no seo da fracción Lemuadenim da tribo dos erguibat, pero medrou en Lemseid, preto do Aiún. En 1957 marchou a estudar árabe a Marrocos, alí residiu en Marraquex, Rabat e Casabranca. Máis tarde perfecciona os estudos en Damasco e estudou xornalismo en Cairo.
En 1966 voltou a Marrocos e fundou Al-Shihab, publicación pro-saharauí. En 1967, por problemas coas autoridades marroquinas, instalouse en Smara, no Sahara Occidental, traballou como profesor do Corán na mesquita local e comezou a organizar de xeito clandestino un movemento de carácter nacionalista denominado Organización Avanzada para a Liberación de Saguia el Hamra e Río de Oro, que pretendía a consecución dunha autonomía para o Sahara Occidental que preparase o camiño cara a independencia do territorio.
O 17 de xuño de 1970 as autoridades do Sahara Occidental convocaron unha manifestación no Aiún contra os comunicados de Tlemcén e Casabranca logo das xuntanza de Hassan II con Hari Boumédienne e Moktar Uld Dadah sobre o Sahara. A organización de Bassir decide convocar unha manifestación paralela na barriada de Zemla que lles permitira entrevistarse co gobernador, quen acabou enviando á lexión para disolvela. Aínda que Bassir non foi na manifestación, a policía considerouno o principal convocante dela e detívoo, non se volveu saber máis del.