Marià Fortuny
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Marià (Mariano) Fortuny i Marsal, de nome completo Marià Josep Maria Bernat Fortuny i Marsal (11 de xuño de 1838, Reus - 21 de novembro de 1874, Roma). Pintor catalán, considerado como o pintor español máis importante do século XIX logo de Goya.
Orfo desde moi neno, o seu avó foi o seu titor e o seu mellor valedor nos seus primeiros anos e na súa mocidade temperá, favorecendo a súa formación artística co pintor reusense Domènec Soberano. Tamén traballou co prateiro e ourive miniaturista reusense Antoni Bassa, quen influirá na minuciosidade que caracterizará no futuro a súa pintura.
En 1852 trasladouse a Barcelona en compañía do seu avó. Alí entrou a traballar no taller do escultor Domènech Tallarn, quen, satisfeito cos avances do seu novo alumno, xestionoulle unha pequena pensión da Obra Pía e a matrícula gratuíta na Escola de Belas Artes da Llotja, onde recibirá por primeira vez formación oficial. Os seus mestres na Escola serán Pau Milà i Fontanals, Lluís Rigalt e Claudi Lorenzale, membros do chamado Nazarenismo Catalán.