Manuel Gómez Román
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel Gómez Román, arquitecto vigués nado en 1875. Cunha fonda afección dende neno pola pedra labrada, comezou en Madrid a carreira de arquitecto pero logo abandonouna incitado polo seu temperamento bohemio, artístico e rebelde. Dedicouse daquela á construción e a dar clase de debuxo. Baixo a súa dirección erguéronse diferentes edificios, todos marcados polo galeguismo arquitectónico dada a súa fidelidade ós materiais e estilos do país. Na madurez, cando xa tiña realizada unha puxante obra de feitío persoal, rematou os estudos obtendo o título con corenta anos en moi poucas convocatorias. O seu labor esténdese por máis de dúas mil obras en diferentes vilas e cidades galegas nas que contribuíu na dirección ou nos planos. Colaborou tamén con debuxos artísticos e caricaturas na prensa galega e asemade publicou diversos traballos sobre as características da arquitectura galega. A súa opinión arquitectónica céntrase nos seguintes puntos:
- A centralidade de Compostela coma norma no aspecto artístico, xa que a basílica compostelá resume as manifestacións culturais, resolve problemas construtivos e compendia expresións iconográficas;
- A esixencia dunha Escola de Arquitectura en Santiago de Compostela, cun plano de estudos no que se esixise un coñecemento das construcións santiaguesas para poder exercer a profesión de arquitecto;
- Aínda que o seu acento se atope rexamente vencellado ó pasado, pretendía actualizar e chegar á modernidade cun sinal propio de identidade;
- O aproveitamento dos abondosos materiais nobre que ofrece a terra galega, así coma das condicións de acertada pericia da man de obra (nomeadamente de canteiros), figura que pretendía recuperar e situar no lugar que lles corresponde;
- Completar os estudos que se teñen feito da propia arquitectura galega para incorporarse á modernidade da nova arquitectura sen necesidade dun mimetismo que consideraba evitable.
Manuel Gómez Román morreu no 1964 en Vigo.
[editar] Referencias
Revista Galicia Emigrante, nº 10 (Buenos Aires) Marzo de 1955, páxina 18.