Lingua tartésica
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nome dado á lingua paleohispánica que aparece nunhas setenta inscricións atopadas no suroeste da Península Ibérica. O nome que se buscou para a lingua non deixa de ser unha hipótese: sería a lingua do antigo reino de Tartesos. Moitos historiadores prefiren chamala sudlusitana (Schmoll, Untermann), xa que os textos non aparecen en zona considerada tartésica (que estaría máis ao sur). Por outra banda, a denominación sudlusitano ten o inconveniente de dar a idea dunha relación coa lingua lusitana. Outros nomes serían bástulo-turdetana (Gómez Moreno), do Suroeste (Maluquer) ou do Algarve (De Hoz).
Os turdetanos de época romana son considerados os herdeiros da cultura tartésica. Estrabón menciónaos como "... os máis cultos dos iberos e teñen escritura e escritos históricos en prosa e verso e leis en forma métrica que segundo se di datan de 6000 anos".
Índice |
[editar] Historia
Non se sabe cando apareceu a lingua tartésica na península. Tampouco non se coñece con exactitude cando se comezou a usar a escritura. A lingua so aparece nunha serie de estelas do s. VII ao V a.C. e nalgunhas moedas do -200, polo que é realmente pouco o que pode dicirse.
Tampouco non se coñece con exactitude cando deixou de falarse, pero pódese supoñer que, ao igual que no resto do sur peninsular, a aculturación polos romanos foi bastante rápida despois da conquista.
[editar] Escritura
Houbo incontables intentos de desciframento da escritura tartésica, dos que se poden destacar tres:
- Schulten relaciona a escritura coa estela de Lemnos e obtén un alfabeto.
- Schmoll baseándose no semisilabario ibérico, obtén tamén un semisilabario.
- Gómez Moreno tamén se basea no desciframento do semisilabario ibérico, pero obtén resultados distintos de Schmoll. A hipótese de traballo de Gómez Moreno é que a escritura tartésica é orixe dos demais semisilabarios da península, é dicir, os ibéricos do norte e do sur. Actualmente, esta é a teoría aceptada.
O estado actual do desciframento do semisilabario é bastante deficiente. Existen numerosos signos cuxa lectura non é segura e os textos tampouco non presentan separación entre palabras, co que un intento de tradución ou mesmo de lectura é moi arriscado. A isto hai que engadir que desde os primeiros textos ata os últimos hai unha distancia de 500 anos, espazo de tempo suficiente para a aparición das linguas romances a partir do latín...
A maioría dos textos en lápidas son repetitivos e conteñen unha fórmula que pode ser lida como:
Pa.a.re.n.a.Pe.e.Ce.e.n.Ti.i (barenabekenti)
Que naturalmente se supón algún tipo de inscrición funeraria.
[editar] Relación con outras linguas
Durante un tempo consideráronse os textos en tartesio como parte do corpus ibérico. Hoxe, a maioría dos lingüistas considéraa unha lingua preindoeuropea non relacionada nin coa lingua ibera nin con calquera outra coñecida.
Estrabón comenta que "(os turdetanos) teñen escritura... Tamén os demais iberos teñen escritura, pero non a mesma, sendo tamén os seus idiomas distintos".
Houbo intentos de ver elementos indoeuropeos como o teónimo Lucus ou os antropónimos Acco, Alburus, Ambatus, etc. por parte de José Antonio Correa.
[editar] Extensión xeográfica
Os textos atopáronse no Algarve e o Baixo-Alentejo, ao sur de Portugal e nos cursos medios do Guadalquivir e o Guadiana.
[editar] Véxase tamén
- Historia de España
- Fenicios
- Prehistoria de Portugal
- Linguas paleohispánicas
[editar] Bibliografía
- Schmoll, U. (1961) : Die sudlusitanischen Inschriften Wiesbaden.
- Correa, J. A. (1989): "Posibles antropónimos en las inscripciones en escritura del S.O. (o Tartesia)" Veleia 6, pp.243-252.
- Correa, J.A. (1996): "La epigrafía del Sudoeste. Estado de la cuestión" en Villar y D'Encarnaçao (eds) La Hispania Prerromana Salamanca, pp. 65-76.
- Untermann, J. (1997): Monumenta Linguarum Hispanicarum. IV. Die tartessischen, keltiberischen und lusitanischen Inschriften. Wiesbaden.
- Rodríguez Ramos, J. (2000): "La lectura de las inscripciones sudlusitano-tartesias" Faventia 22/1, pp. 21-48. Consultable en [1]
- Rodríguez Ramos, J. (2002): "Las inscripciones sudlusitano-tartesias: su función, lingua y contexto socioeconómico" Complutum 13, pp. 85-95.