Html
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
En informática, o HTML ou HyperText Markup Language é unha linguaxe de etiquetado deseñada para a creación de páxinas web con hipertexto e calquera outra información que se queira amosar no navegador de internet. HTML úsase para estruturar información (definindo certas secuencias ou cadeas coma epígrafes, parágrafos, listas, etc.) e pode usarse en certa medida para describir a aparencia e semántica dun documento. A estrutura gramatical do HTML é o HTML DTD, que se creou utilizando a sintaxe SGML.
Definiuno inicialmente Tim Berners-Lee e logo desenvolveuno o IETF: agora conta cun estándar internacional (ISO/IEC 15445:2000), tralo cal as especificacións ulteriores están delimitadas polo World Wide Web Consortium (W3C).
As primeiras versións de HTML definíronse con regras sintácticas moi laxas, que axudaron á súa adopción por parte dos non iniciados coa publicación na rede. Os navegadores de internet normalmente deducían o significado en certas seccións e amosaban a páxina web. Co tempo, a tendencia dos normativas oficiais foi a de crear unha sintaxe da linguaxe cada vez máis estricta, a pesares de que os navegadores continúan amosando páxinas que aínda están moi afastadas do HTML válido.
A evolución do HTML continúa con XHTML, o seu análogo baseado en XML, que aplica a sintaxe menos ambigua do XML a HTML para facelo máis doado de procesar e manter. Mentres continúa publicando recomendacións para HTML 4.01, agora o W3C centra a súa atención no desenvolvemento deste XHTML, sucesor de HTML.