Epidemia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Epidemia (ou andazo cando non é moi grave) é a ocorrencia, nunha comunidade ou rexión, de casos de doenza, accidente, malformación conxénita, comportamento especificamente relacionado coa saúde ou outros acontecimentos relacionados coa saúde, claramente en exceso con respecto á expectativa normal.
O número de casos indicativos da presenza dunha epidemia debida a un axente transmisible varía de acordo co axente, dimensión, tipo e estado inmunitario da poboación exposta, experiencia ou falta de experiencia previa co axente responsable e co tempo, lugar e forma de ocorrencia. Está, polo tanto, relacionada coa frecuencia relativa da doenza na mesma área e na mesma poboación, na mesma estación ou período do ano.
A ocorrencia dun único caso dunha doenza transmisible hai moitos anos ausente na poboación en causa ou o primeiro caso dunha doenza ata entón descoñecida na área requeren notificación inmediata e unha investigación completa. A ocorrencia de dous casos dunha tal doenza, asociadas no espazo e no tempo na poboación en cuestión, é considerada como proba suficiente para confirmar unha epidemia.
Aínda que se deu especial énfase ás doenzas transmisibles na descripción do termo, hoxe en día aplícase a calquera outro fenómeno de saúde ou relacionados con ela.
Este termo ten orixe no grego clásico: epi (sobre) + demos (pobo) e xa o utilizou Hipócrates no século VI a.C..