Claude Monet
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Claude Monet tamén coñecido como Oscar-Claude Monet ou Claude Oscar Monet (14 de novembro, 1840 – 5 de decembro, 1926) foi un pintor impresionista francés.
Nos anos inmediatamente anteriores á guerra de 1870 un grupo de pintores, Monet, Camille Pisarro, Alfred Sisley e Pierre Auguste Renoir sitúanse ó marxe de calquera remedo das tendencias precedente e realizan unha nova pintura, que un crítico denominou despectivamente impresionismo, inspirándose no título dunha obra de Monet exposta en 1874, Impresión: Sol nacente.
Monet foi o pintor máis orixinal e principal representante das conquistas técnicas e estéticas do grupo. Sen os matices políticos ou sociais dos realistas, por medio dunha concepción estrictamente pictórica, Monet busca a realidade cromática e formal baixo os efectos da luz. Na base da súa arte está o desligarse do estudo de pintura, buscando o aire libre para pintar e o colorido claro; a luz transforma e altera as cores e tamén as propias formas, de tal xeito que a paisaxe e os seus elementos xurden como visións instantáneas que non se volverán repetir. Unha preocupación primordial para Monet vai ser o estudo dos reflexos da luz na auga, que ten unha consistencia real semellante á dos elementos reflectidos. Esta linguaxe acadou a súa maior pureza nos anos que pasou en Argenteuil (1872-1878).