Anthony Burgess
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
John Anthony Burgess Wilson (25 de febreiro de 1917 - 25 de novembro de 1993) foi un escritor británico do século XX, nado na cidade inglesa de Manchester. Alén das suas dotes como novelista, tamén destacou por ser compositor, lingüísta, profesor e periodista. Naceu no seo dunha familia católica de clase media. O seu pai era pianista e a sua nai morreu cando Burgess tiña apenas 2 anos de vida. Na década dos coarenta fixo o servizo militar inglés en Xibraltar, en plena Segunda Guerra Mundial. Despois da guerra, Burgess traballou para o Servizo Colonial británico na illa de Borneo e en Malaisia como responsábel educativo. Neses anos foille diagnosticado un tumor cerebral, que o alonxou un pouco do que estaba a facer e acercouno á literatura.
Dentro da sua produción literaria podemos destacar a sua obra A Laranxa Mecánica (A Clockwork Orange) do 1962, que foi levada ao cinema polo mundialmente coñecido director Stanley Kubrick no ano 1971. Esta obra destaca pola sátira social que fai o propio autor, e pola introducción dunha xerga xuvenil inventada polo propio Burgess (o nadsat), que toma grande parte dos termos de linguas eslavas, das que Burgess era coñecedor.
No ano 1993 Anthony Burgess morrería dun cancro de pulmón.