Wikipedia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Wikipedia é unha enciclopedia de contido libre baseada na tecnoloxía wiki, a cal permite a súa edición por calquera usuario dende un navegador web. O feito de que sexa libre aplícase tanto ao seu uso como á súa edición. Wikipedia é multilingüe e é desenvolvida de xeito colaborativo por centos de voluntarios arredor do mundo nas súas respectivas linuas. Wikipedia é mantida e administrada pola fundación, sen fins de lucro, Wikimedia. En outubro de 2006, Wikipedia contén na súa versión en lingua inglesa máis de 2.000.000 artigos enciclopédicos, e entre as 250 linguas nas que hai edicións da wikipedia hai 5.500.000 artigos.
Wikipedia comezou como un proxecto en inglés o 15 de xaneiro de 2001 e aos poucos foron xurdindo proxectos paralelos noutras linguas.
A Wikipedia en lingua galega (coñecida como Wikipedia en galego ou Galipedia) existe desde o 5 de marzo de 2003 e, se en xuño de 2004 contaba con aproximadamente 1350 artigos, en maio de 2005 superou os 5.000. O número actual de artigos é de 36,362 (valor que se actualiza automaticamente na versión en liña).
Índice |
[editar] Características esenciais
Existen tres características esenciais do proxecto Wikipedia, as cales definen conxuntamente a súa función na web:
- É, ou tenta converterse nunha enciclopedia.
- É un wiki, polo que, con pequenas excepcións, pode ser editado por calquera persoa.
- É de contido aberto e utiliza a licenza GFDL.
[editar] Vandalismo
Un problema constante na Wikipedia é o vandalismo ao que son submetidas as wikipedias. O vandalismo son modificacións parvas ou ofensivas ós artigos da enciclopedia.
Malia ós graves problemas que isto semella presentar a simple vista, o vandalismo en xeral non prospera na Wikipedia. Dado que a maior parte do público da Wikipedia ten boas intencións e, daquela, os vandalismos son minoritarios nas edicións diarias, as desfeitas rara vez conseguen permanecer por moito tempo sen seren borradas ou revertidas.
A maioría dos vándalos son anónimos, pois Wikipedia permite a edición dos seus artigos sen rexistrarse previamente. Algúns casos extremadamente raros teñen pasado nos que un usuario rexistrado comete actos de vandalismo reiteradas veces. Estes últimos casos adoitan corresponder coa expresión de motivacións ideolóxicas, culturais ou relixiosas que empurran o vándalo a continuar editando e tentar impoñer as súas crenzas.
[editar] Políticas
Os participantes de Wikipedia habitualmente acordan e manteñen un número reducido de políticas básicas:
- A causa da diversidade de participantes e ideoloxías, que proveñen de todas partes do mundo, Wikipedia intenta construír os seus artigos da forma máis englobadora posible. O obxectivo non é escribir artigos dende un suposto único punto de vista obxectivo, senón presentar abertamente cada postura sobre un determinado tema.
- Séguense un número de convencións con respecto ao nomeamento de artigos, optando preferentemente pola versión máis comunmente utilizada na súa respectiva lingua.
- As conversas acerca do contido e edición dun artigo ocorren nas páxinas de conversa e non sobre o artigo mesmo.
- Existe un número de temas que resultan excluídos de Wikipedia por non constituír artigos enciclopédicos estritamente falando. Por exemplo, Wikipedia non contén definicións de dicionario (como verbos, adxectivos, etc.); para iso xa está o Wiktionary (ou Galizionario na correspondente versión en galego).
[editar] Persoal
Na edición da Wikipedia participan miles de persoas en todo o punto que son coñecidas como wikipedistas.
[editar] Historia
- Ver artigo principal: Historia da Wikipedia.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
- Galipedia
- Wikimedia
- Proxectos irmáns
- Wikipedia:Copyrights
- Licenza de Documentación Libre GNU
- Wikipedias por lingua
[editar] Ligazóns externas
- Fundación Wikimedia
- MetaWiki:Políticas e conversas técnicas da Wikipedia e os resto dos proxectos da Fundación Wikimedia
- Wikipedia no Open Directory
- WikiCharts: Estatísticas non oficiais dalgunhas wikipedias (aínda non está incluída a Galipedia)
- Bibliografía sobre a Wikipedia
- Wikipedia para móbiles e PDA