Valadares, Vigo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Santo André de Valadares é unha parroquia do concello de Vigo.
- Limita coas parroquias de Beade, Comesaña, Coruxo, Matamá e Zamáns e pertence ó arciprestado de Vigo-Santo Andrés.
- Ten 10 entidades de poboación, 11 lugares e 5.468 veciños (2003)
- As súas entidades de poboación son as seguintes: As Barrocas (710), O Cañizo (249), O Carregal (685), O Freixo (294), A Gándara (333), A Garrida (1.232), A Igrexa (699), O Portal (677), Seoane (175) e A Sobreira (414).
- Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades): O Alba, Bertoles, A Costa, O Fabás, O Outeiro, O Outide, A Pinguela, O Prado, San Xoán, A Senra e A Simona.
Valadares está situado ás aforas do concello de Vigo. É unha parroquia extensa, con case 13 km2 , cunha orografía accidentada e os montes Alba e Galiñeiro como fronteira entre o Val do Fragoso e o Miñor. A existencia de importantes masas forestais é outra das características desta parroquia que segundo o último censo, conta con 5.414 habitantes.
Dispón dun servizo regular de autobuses (liña C7) que saen dende Vigo (Praza España) en dirección a distintas zonas da parroquia (cada 30 minutos). Tamén hai un servizo regular de transporte interurbano que sae da Estación de Autobuses da Avda. de Madrid cara Gondomar.
Tradicionalmente únese a historia desta parroquia coa liñaxe dos Valadares, que máis tarde lle dará nome ó marquesado. É moi posible que a casa de Valadares adquirise o dominio durante as loitas feudais do S.XV. As novas referentes a estas terras non comezan ata ben entrado o período moderno, xa que apenas hai datos do medievo. no S.XVII obtivo o nomeamento de vila e cabeceira de marquesado, como consecuencia da institución realizada o 4 de abril de 1673 a favor de Luís de Valadares Meira e Sarmiento, que xa tiña o título de vizconde dende 1669 en compensación polos seus servizos prestados ó rei.
A constitución desta nova parroquia é mais tardía que outras e data dos séculos XIV ó XV. Posiblemente estas terras estarían cubertas de monte e figurarían como couto anexo á parroquia de Vincios, que estaría baixo a xurisdición do bispo de Tui.
Figura na relación de concellos realizada de acordo co decreto do 23 de xullo de 1835, igual que o fai no repartimento xeral sobre o consumo de viños, vinagre, augardente, aceite e carne de 1821, pagando este concello un total de 30.716 reais e 13 maravedís.
Valadares mantivo o estatus de villa ata a reforma territorial de 1837 xa que a reforma administrativa liberal dese ano fixo perder a Valadares a condición de couto e pasou a integrarse no concello de Lavadores para posteriormente unirse ó de Vigo en 1941.
A capela do monte Alba mantén o escudo de armas da familia Valadares, que chegou a ser unha das máis poderosas do sur da Galiza. O conxunto da igrexa parroquial, o cemiterio, o adro e o campo da festa datan dos séculos XVII-XVIII. Na parroquia catalogáronse 240 hórreos (que os veciños chaman cabanas) dos que máis da metade superan os cen anos.
Entre as celebracións da parroquia destacan o Revoltallo de música emerxente, a festa do San Campio (celebrada a finais de agosto) e o festival de música Freixo-Rock.
Valadares é moi coñecida no territorio galego grazas a súa banda de música, a Unión Musical de Valladares, unha das máis importantes bandas de música da comunidade, e unha das máis antigas.
Lugares da parroquia de Valadares no concello de Vigo na Provincia de Pontevedra | |
---|---|
Barrocas, As | Cañizo, O | Carregal, O | Freixo, O | Gándara, A | Garrida, A | Igrexa, A | Portal, O | Seoane | Sobreira, A |