Olimpia Valencia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Olimpia Valencia López, nada en Baltar o 14 de decembro de 1898 e falecida en Vigo en 1987, foi a primeira médica xinecóloga galega.
[editar] Biografía
Era a única filla dun industrial hostaleiro que en 1910 se traslada a Vigo coa familia. Estudou Maxisterio, preparándose por libre na Academia Minerva. Sen vocación para a docencia, decide facerse médica. En 1919 marcha a Santiago para cursar a carreira de Medicina, licenciándose en 1925, con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra. Nese mesmo ano foi a Madrid a facer a tese de doutoramento, que presenta en 1930 co título: La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica.
En Madrid, de seguida entra en contacto cos apéndices institucionistas, botando tres anos aloxada na Residencia de Señoritas da rúa Fortuny, onde tamén vai exercer outras funcións para gañar unha bolsa co fin de custearse a estancia. No curso 1926-27 imparte clases de cultura xeral ás residentas. No seguinte curso é nomeada médica titular do Instituto Escuela, institución docente experimental xurdida do entorno da JAE.
En 1928 trasládase a Vigo. Pon en marcha un consultorio de medicina xeral e de xinecoloxía, na rúa do Príncipe, onde vai exercer a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Olimpia mantén conexión coa investigación e se preocupa por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro, en 1929 solicita unha bolsa á Junta de Ampliación de Estudios para ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.
Foi unha das fundadoras da Academia Médico Quirúrgica de Vigo (1930), institución onde chegou a ser vicepresidenta (1935). Como investigadora, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas (A Coruña, 1929). En 1934 fixo unha comunicación na Academia de Vigo (La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo). Tamén foi membro fundadora da Alianza Francesa de Vigo.
Muller de inquietudes culturais, vencellada a Galicia, tivo relación con varios recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas ou Ramón Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do SI no Plebiscito do Estatuto Galego, ambos os dous documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas. Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade. Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roja", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu entrar na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.
Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de oitenta anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Morreu no verán do ano 1987.