Miguel Losada Losada
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Miguel Losada Losada, nacido en San Xoán de Laxas no concello de Boborás en 1860, descendente do marqués de Bóveda de Limia, aínda que el non levou o título pese ás tentativas para rehabilitalo. A súa ideoloxía carlista víñalle de familia, estaba emparentado con José Arias Teixeiro, ministro universal do pretendente Carlos V e o seu pai, Joaquín Losada Pimentel, fora auditor xeral do Estado Maior do Exército do Norte durante a Primeira Guerra Carlista e estivera exiliado en Francia ó seu remate.
O mozo Miguel estudou no instituto de Ourense, comezou a carreira de dereito en Santiago e rematouna en Valladolid en 1882, alí apareceu o seu único libro publicado, Vulgaridades, un feixe de poemas en castelán intrascendentes sen moita calidade literaria, aínda así seguiu a escribir poesía toda a vida e foi o autor de moitas cancións das que cantaban as comparsas de Entroido na Estrada, onde desde 1887 exercía de notario e no coñecido xornal local, El Estradense (f.1906), apareceron moitos artigos da súa autoría e participou en moitos mítins agraristas de cariz católico da contorna.
Casado con Carmen Diéguez, o seu fillo Antón Losada Diéguez, será un dos impulsores do primeiro galeguismo. En 1894, logo da morte en 1888 da súa primeira dona, casou con Amparo de Silva Gómez.
Miguel Losada Losada morreu o 28 de setembro de 1913.