Harry Potter
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Harry Potter | ||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
- O contido deste artigo refírese a toda a serie en xeral; para máis información sobre o personaxe, véxase Harry James Potter.
Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía e maxia escritas pola británica J. K. Rowling, nas cales magos e meigas viven ocultos no mundo real e en comunidades, no máxico. O seu principal protagonista é o mago Harry James Potter, quen, xunto cos seus amigos Ron Weasley e Hermione Granger, ten que derrotar ao malvado lord Voldemort, o maior meigo tenebroso de todos os tempos.
A primeira novela, Harry Potter e a pedra filosofal (Harry Potter and the Philosopher's Stone), apareceu no ano 1997, e desde aquela os libros foron acadando unha gran popularidade e éxito comercial en todo o mundo[1], dando lugar a filmes e a videoxogos baseados nas novelas, ademais dunha enorme variedade doutros artigos. Os sete libros que compoñen a saga venderon, no seu conxunto, máis de 400 millóns de copias[2] e foron traducidos a máis de 65 linguas diferentes[3], incluíndo o latín[4] e o grego antigo[5]. Como remate da popular saga, o día 21 de febreiro saíu á venda o sétimo e derradeiro libro, Harry Potter e as reliquias da morte, que a Editorial Galaxia sacou, simultaneamente, coa versión en castelán e catalán.
As novelas teñen como escenario principal da historia o Colexio Hogwarts de Maxia e Feiticería, un castelo situado entre montañas, onde os xoves magos estudan e desenvolven a súa maxia aprendendo feitizos e apócemas. A trama do argumento xira en torno aos enfrontamentos que Harry Potter (na compaña dos seus amigos) ten con lord Voldemort, asasino de seus pais e que quere conquistar o mundo máxico.
Asemade, os libros exploran temáticas como a amizade, a ambición, a opinión, o prexuízo, a coraxe, o crecemento, o amor, a responsabilidade e incluso as complexidades da morte. O máxico mundo de Harry Potter posúe unha complexa historia, habitantes e cultura, constituíndose coma unha sociedade paralela ao mundo real.
Índice |
[editar] Sinopse
Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama ou do argumento.
[editar] Historia non publicada
Harry James Potter é un cativo de tan só un ano cando lord Voldemort, o peor mago de todos os tempos, asasina a seus pais, Lily e James Potter, deixándoo orfo. Pero cando Voldemort usa a maldición asasina Avada Kedavra contra Harry, esta rebota e dáse a si mesmo. Tras esta terrible noite Voldemort queda moi debilitado, tanto que o seu corpo é destruído, mentres que a súa alma sobrevive. Por outra banda, Harry Potter vai gañando fama grazas á proeza de ter derrotado ao mago tenebroso, tan só cunha cicatriz como marca do seu encontro.
[editar] Argumento xeral dos libros
Albus Dumbledore e Minerva McGonagall son os encargados de deixar a Harry ao cargo dos Dursley, os seus tíos, para que o coiden namentres non ten idade para iniciarse no mundo da maxia. Once anos despois, na véspera do aniversario de Harry, este comeza a recibir cartas, por medio de mouchos, procedentes do Colexio Hogwarts de Maxia e Feiticería. Estas misivas dinlle que foi aceptado como alumno do devandito colexio, onde comezará a estudar maxia. Non obstante, o seu tío Vernon impídellas ler para ocultarlle o seu verdadeiro pasado. O 31 de xullo, aniversario de Harry, Rubeus Hagrid, o semixigante encargado de coidar os xardíns do colexio Hogwarts, vai onda Harry dicirlle toda a verdade: que el é un mago e que debe ir estudar a Hogwarts para iniciarse no mundo da maxia. Tamén lle comenta que non toda a xente posúe poderes máxicos, aos que os magos chaman muggles, e que a meirande parte deles (por non dicir todos) descoñece a existencia da maxia.
Para completar a instrución máxica cómpren sete anos de estudos en Hogwarts (á parte de superar diversos exames para conseguir o título que os acredita como magos consagrados). Debido a isto, os sucesos que ocorren ao longo dos sete libros da saga teñen como escenario principal este colexio (un libro por cada ano). En cada ano escolar Harry, Ron, Hermione e outros alumnos terán que facer fronte a lord Voldemort, o cal non ten outro obxectivo que lograr o poder sobre o mundo máxico e asasinar a Harry Potter, o cativo que o conseguira debilitar había algúns anos.
Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.
[editar] Orixes e publicación
No ano 1990, J. K. Rowling viaxaba nun tren cheo de xente dende Manchester a Londres cando a idea de Harry simplemente "pasou pola súa cabeza". Rowling narra a experiencia no seu sitio web, dicindo:
Eu estivera escribindo desde que tiña seis anos, pero nunca estivera tan emocionada sobre unha idea así antes. [...] Sinxelamente estaba sentada e pensei durante catro horas (o tren atrasárase) e tódolos detalles viñeron á miña cabeza, e este rapaz desarranxado e de pelo negro que non sabía que era un mago comezou a ser cada vez máis e máis real para min.
Así, esa mesma tarde comezou a preescritura da súa primeira novela, Harry Potter e a pedra filosofal, un plan semidetallado que incluía as tramas de cada un dos sete libros que tiña previstos escribir, ademais dunha enorme cantidade de información biográfica e histórica sobre os seus personaxes e o mundo máxico no que vivirían.
No transcurso dos seguintes seis anos que incluíron o seu traslado a Portugal, o nacemento da súa primeira filla, o divorcio do seu primeiro marido e o seu regreso a Escocia, Rowling continuou a escritura do seu libro. Vivindo en Edimburgo, Rowling escribiu boa parte do mesmo en cafeterías locais coa axuda dunha beca do Consello das Artes escocés. Incapaz de afrontar o gasto dunha gardería para a súa filla, esta acompañouna constantemente no seu traballo.
En 1996, Harry Potter e a pedra filosofal foi terminado e o seu manuscrito foi enviado a diversos axentes. O segundo ao que acudiu, Christopher Little, ofreceu representala e enviou o manuscrito a Bloomsbury. Despois de que o rexeitaran oito editoriais, Bloomsbury ofreceu a Rowling un adianto de £3,000 pola súa publicación.
A pesar de que Rowling non tiña en mente unha categoría da idade para os seus principais lectores cando comezou a escribir, os editores apuntaron inicialmente a nenos entre nove e once anos. Na véspera da súa publicación, os editores pediron a Joanne Rowling adoptar un nome de autor máis neutral, para abordar aos nenos varóns desa mesma idade, temendo que non estarían interesados en ler esta novela escrita por unha muller. Ela elixiu utilizar J. K. Rowling (Joanne Kathleen Rowling), omitindo o seu nome e usando o da súa avoa como segundo.
O primeiro libro de Harry Potter foi publicado no Reino Unido por Bloomsbury en xullo de 1997 e nos Estados Unidos por Scholastic en setembro de 1998, pero non sen antes recibir Rowling unha suma sen precedentes para o dereito das edicións nos EE UU. Temendo que algúns dos lectores non entenderan a palabra "Philosopher's" (filosofal) nin a asociaran a un termo máxico, Scholastic insistiu en que ao libro se lle trocase o título a Harry Potter and the Sorcerer's Stone (Harry Potter e a pedra do feiticeiro) para o mercado estadounidense.
Con xa unha década, Harry Potter alcanzou un grande éxito, debido en gran parte ás críticas positivas de comercialización do editor de Rowling, pero tamén por mor do boca a boca entre os lectores, especialmente os nenos. Isto nótase porque por anos, o interese pola literatura neste grupo fora relegado tras outras actividades como os videoxogos e a internet. Os editores de Rowling aproveitaron este fervor a través dos rápidos lanzamentos dos tres primeiros libros, que permitiron que o entusiasmo e o interese da audiencia de Rowling non diminuíra, ao tempo que consolidaba un maior número de lectores leais á saga. A serie tamén gañou fama entre os adultos, polo que se realizaron dúas edicións de cada libro de Harry Potter: os libros foron lanzados con idénticos contidos, pero coas ilustracións da cubertas diferentes, segundo estes foran dirixidos aos nenos ou aos adultos.
[editar] As novelas
[editar] A saga
A saga componse dun total de sete libros, que se corresponden cos sete anos que os alumnos teñen que cursar en Hogwarts para completar a súa formación máxica.
Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama ou do argumento.
[editar] Harry Potter e a pedra filosofal
- Artigo principal: Harry Potter e a pedra filosofal.
Harry Potter e a pedra filosofal (en inglés: Harry Potter and the Philosopher's Stone) é o primeiro libro da saga. A versión en lingua inglesa saíu o 30 de xuño do 1997; para lelo en galego, grazas á tradución de Marilar Aleixandre, tivemos que agardar ata o mes de xaneiro do 2002.
Este libro relátanos o que pasou cando Harry comeza a coñecer o mundo máxico ao que forma parte, mentres vai descubrindo o seu verdadeiro pasado (dado que os seus tíos ocultáranllo, mentíndolle acerca del). Á súa vez, tamén vai facendo os seus primeiros amigos no colexio, Ron Weasley e Hermione Granger, cos cales investigará o motivo que leva a Voldemort a andar na procura da pedra filosofal. Non obstante, a súa fama lévao a gañar tamén inimigos, tanto alumnos, sobre todo da casa Slytherin, como o profesor de pocións, Severus Snape, quen é o primeiro sospeitoso de ser o axudante do mago escuro no colexio.
[editar] Harry Potter e a Cámara dos Segredos
- Artigo principal: Harry Potter e a Cámara dos Segredos.
Harry Potter e a Cámara dos Segredos (en inglés: Harry Potter and the Chamber of Secrets) é o segundo libro da saga. En inglés saíu á venda o 2 de xullo de 1998; a versión en galego veu da man de Eva Almazán en novembro de 2002.
Un novo curso escolar comeza e axiña comezan a ocorrer cousas fóra do normal: algúns alumnos da escola son atacados por algo ou alguén. Temendo que poida ser obra de lord Voldemort os mestres toman as medidas oportunas, pero, para sorpresa de todos, unha estraña mensaxe escrita con sangue aparece nunha das paredes do castelo. Esta advirte de que a Cámara dos Segredos foi aberta de novo e que os inimigos do herdeiro (de Slytherin) deben temer; ademais de dicir tamén que raptaron a Ginny Weasley, irmá menor de Ron, e que o seu cadáver permanecerá na Cámara para sempre. Harry, Ron e Hermione descobren rapidamente que todos os estudantes atacados eran fillos de muggles e atoparán un diario pertencente a Tom Riddle, o cal revela a Harry detalles da vez anterior que a Cámara fora aberta. Por outra banda, Rubeus Hagrid é acusado de causar todos estes ataques e é levado ao cárcere dos magos: Azkaban. Pouco despois Hermione tamén sofre un ataque mentres volvía da biblioteca tras descubrir que o ser que roldaba polo castelo usaba os sumidoiros e que este se trataba dun basilisco, animal que mata coa mirada. Harry e Ron danse conta de que os atacados nunca viran ao basilisco directamente, polo que só permanecían petrificados. Unha vez encaixadas as pezas, os dous amigos, xunto con Gilderoy Lockhart, o inepto profesor de Defensa Contra as Artes Escuras, deciden introducirse na Cámara Secreta (que tiñan descuberto onde estaba) para aclarar todo que estaba a ocorrer no colexio.
[editar] Harry Potter e o preso de Azkaban
- Artigo principal: Harry Potter e o preso de Azkaban.
Harry Potter e o preso de Azkaban (en inglés: Harry Potter and the Prisoner of Azkaban) é o título do terceiro libro. A versión orixinal púxose á venda o 8 de xullo de 1999; grazas a Eva Almazán puidemos lela en galego no ano 2004.
O mundo máxico está atemorizado. Sirius Black, un perigoso criminal que din que foi o responsable dos asasinatos dos pais de Harry, escapou de Azkaban, e dise que está disposto a acabar coa vida do xove mago. Mentres tanto, un novo curso escolar comeza en Hogwarts, non sen antes ter tomado as medidas oportunas para protexer os alumnos desta colocando dementores (gardiáns de Azkaban) por todas as partes. Axiña os alumnos descubrirán que algo estraño ocorre co novo profesor de Defensa Contra as Artes Escuras, Remus Lupin, quen, misteriosamente, desaparece unha noite ao mes.
Ademais este libro foi gañador do Premio Costa e mais do Premio Bram Stoker, entre outros, os cales o ubican como un dos libros fantásticos máis laureados dos últimos anos[6].
[editar] Harry Potter e o Cáliz de fogo
- Artigo principal: Harry Potter e o Cáliz de fogo.
Harry Potter e o Cáliz de fogo (en inglés: Harry Potter and the Goblet of Fire) é o título do cuarto libro da saga. O manuscrito inglés comezouse a vender o 8 de xullo do 2000; tivemos que agardar pola tradución galega de Eva Almazán ata novembro de 2005.
A Familia Weasley invita a Harry e a Hermione a asistir a un evento irrepetible: os mundiais de quidditch onde, trala final, ocorren terribles acontecementos causados polos mortífagos que aínda non abandonaran ao derrotado Voldemort. Ao voltaren un novo setembro á escola, Harry descobre que ese ano Hogwarts será a sede do Torneo dos Tres Magos, polo que os alumnos dos colexios de maxia Beauxbatons e Durmstrang aloxaranse no castelo. Trátase dun perigoso evento no que tres magos, un de cada colexio, maiores de idade (máis de 17 anos no mundo máxico) son elixidos polo Cáliz de fogo e teñen que pasar tres probas para conseguir o premio final de 100 galeóns. Sorprendentemente, o nome de Harry sae do Cáliz, e malia non ter a idade suficiente para participar, ten que facelo ao non poder contradicilo. Mentres o Torneo se vai desenvolvendo, os seguidores de Voldemort inquiétanse, o mago escuro está preparando o seu retorno ao seu corpo.
[editar] Harry Potter e a Orde do Fénix
- Artigo principal: Harry Potter e a Orde do Fénix.
Harry Potter e a Orde do Fénix (en inglés: Harry Potter and the Order of the Phoenix) é o título do quinto libro. A editorial inglesa púxoo á venda o 21 de xuño do 2003; pola contra, en galego aínda non saíu, pero está prevista que se publique este ano (2008) grazas á tradución de Laura Sáez.
Harry Potter é xulgado por ter realizado maxia diante do seu curmán muggle, Dudley Dursley, cousa que está prohibida. Porén, é absolto grazas á intervención de Dumbledore. Cando ese ano Harry regresa a Hogwarts pode comprobar que o Ministerio anda a meter os fociños, despois de que el e Dumbledore anunciaran o ano pasado que Voldemort recuperara o seu corpo e regresara con máis poder. Dolores Umbridge (unha empregada do Ministerio) vixía moi de preto todo o que acontece no colexio, ata que acaba conseguindo a dirección deste, facendo que Dumbledore teña que agocharse dos empregados do Ministerio, que o queren meter no cárcere. Mentres tanto, algúns dos alumnos montan un exército, con Harry ao mando, para combater a nova directora, ao tempo que este ten visións acerca do Ministerio e os segredos que garda no interior dos seus muros.
[editar] Harry Potter e o misterio do príncipe
- Artigo principal: Harry Potter e o misterio do príncipe.
Harry Potter e o misterio do príncipe (en inglés: Harry Potter and the Half-Blood Prince) é o título do sexto libro. A versión orixinal foi publicada o 16 de xullo de 2005; porén, a versión galega aínda non está dispoñible nas nosas librería, pero ten prevista a súa publicación neste ano 2008, coa tradución de Carlos Acevedo.
Tralo enfrontamento no Ministerio de Maxia antes do verán quedou claro que lord Voldemort regresou con máis forza. Aínda así, o mundo máxico está dividido: os que cren a Harry Potter e mais a Albus Dumbledore e os que non queren aceptar que o Señor Escuro recuperou o seu poder. Mentres todo isto ocorre, no colexio, Dumbledore comeza a darlle clases privadas a Harry. Nelas acceden a recordos doutras persoas para ir coñecendo o pasado de Voldemort, cando este aínda era Tom Riddle. Desta maneira é como Harry descobre que o mago escuro creou seis Horcrux, dividindo a súa alma en sete partes usando maxia escura moi poderosa (e perigosa). Harry averigua tamén que destruíra un Horcrux, sen sabelo, no seu segundo ano, cando chantara o dente do basilisco no diario de Tom Riddle; que Dumbledore tamén destruíra outro, o anel de Gaunt, sufrindo graves feridas na súa man; e que este sabía a localización doutro máis. Desta maneira, Harry acompaña ao vello e debilitado director de Hogwarts na procura deste obxecto.
[editar] Harry Potter e as reliquias da morte
- Artigo principal: Harry Potter e as reliquias da morte.
Harry Potter e as reliquias da morte (en inglés: Harry Potter and the Deathly Hallows) é o título do sétimo e derradeiro libro da saga. A tan ansiada entrega publicouse en inglés o 21 de xullo de 2007; sete meses despois, o 21 de febreiro de 2008, a versión galega, traducida por Laura Sáez, e mais as versións en castelán e catalán puxéronse á venda simultaneamente.
Despois da tráxica morte de Albus Dumbledore, Harry está máis convencido ca nunca de que debe rematar a tarefa que el cre que o vello director lle encomendou: buscar e destruír os Horcrux restantes e, desta forma, acabar para sempre con lord Voldemort, o mago escuro. Os seus amigos, Ron e Hermione, axudaranno a levar a cabo esta busca e destrución ata a fin do mundo, malia que Harry, ás veces, prefiriría viaxar só e, aínda que Ron, enfadado polas condicións nas que viaxan, abandona a aventura por uns intres, os tres rapaces seguen adiante demostrando deste xeito que a súa amizade é verdadeira. Polo camiño atoparanse con moitos e moi variados perigos, e descubrirán cousas do pasado dalgúns personaxes. A novela culmina coa anunciada batalla de Hogwarts, que se disputa entre os alumnos e profesores do colexio, contando coa axuda dos membros da Orde do Fénix, e os mortífagos seguidores de Voldemort. Á fin do libro amósasenos o que ocorre dezanove anos despois de que esta batalla se leve a cabo.
Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.
[editar] Outros libros relacionados
Ademais dos sete libros que constitúen a saga principal, J. K. Rowling escribiu dous libros que son mencionados nas novelas como libros de estudo utilizados por Harry e os demais alumnos do colexio Hogwarts. Nestes dous libros pódense ver manchóns e anotacións feitas polos estudantes. Tódalas ganancias que xorden da venda destes libros son doadas ás organizacións benéficas Comic Relief[7] e The Children's Voice[8].
[editar] Bestas fantásticas e onde dar con elas
- Artigo principal: Bestas fantásticas e onde dar con elas.
Bestas fantásticas e onde dar con elas (en inglés: Fantastic Beasts and Where to Find Them) é un libro escrito pola autora da saga, que serve e actúa como complemento a esta. Foi publicado o 5 de marzo do 2001[7], e, polo de agora, non está prevista a tradución ao galego.
O libro suponse que está escrito por Newt Scamander, un biólogo máxico que ten un grande interese nas bestas fantásticas. Neste libro describe algunhas das criaturas do mundo máxico, e é usado por Harry no terceiro libro, polo que representa á copia usada por el. Ademais, este libro inclúe anotacións nas marxes, supostamente escritas polos tres protagonistas.
[editar] O quidditch a través dos tempos
- Artigo principal: O quidditch a través dos tempos.
O quidditch a través dos tempos (en inglés: Quidditch Through the Ages) é un libro tamén escrito por Rowling para complementar a saga e sacar beneficios para as organizacións benéficas. Foi publicado conxuntamente co anterior (no 2001), e tampouco hai prevista ningunha tradución ao galego.
O libro está escrito, supostamente, por Kennilworthy Whisp, un experto e fanático do quidditch. Nel está recollida a historia e mais as regras do quidditch, o deporte máis coñecido e practicado entre os magos. Na saga, aparece como un regalo que Hermione lle fai a Harry polo Nadal no primeiro libro. Ademais, este libro ten un aspecto vello e roto, simulando todos os maltratos que recibiu case a diario por parte dos alumnos que o tomaron emprestado da biblioteca de Hogwarts.
[editar] Os contos de Beedle o Bardo
- Artigo principal: Os contos de Beedle o Bardo.
Os contos de Beedle o Bardo (en inglés: The Tales of Beedle The Bard) é un libro escrito pola mesma autora para "dicirlle adeus á saga"[8]. Foi escrito a finais do 2007 e tan só existen sete copias do libro manuscritas e ilustradas por Rowling: seis delas foron regaladas e a outra foi subastada en Amazon.com, onde foi mercada por £1.950.000[9].
Este libro é unha recompilación dos contos infantís máis populares entre os magos. Na saga, Dumbledore déixalle o libro en herdanza a Hermione no derradeiro libro da saga. Está escrito en runas antigas e ten certa relevancia ao longo da parte final da trama do argumento.
[editar] Personaxes
- Artigo principal: Personaxes nos libros de Harry Potter.
Ao longo de todos os libros que conforman a saga aparecen numerosos personaxes que teñen maior ou menor relevancia para o desenvolvemento da trama do argumento. Estes son os máis importantes:
Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama ou do argumento.
[editar] Protagonistas
- É o protagonista principal dos libros, e arredor de quen xiran os sucesos que ocorren no libro. Naceu o 31 de xullo de 1980. Vive cos seus tíos desque tiña 1 ano de idade debido a que seus pais, Lily e James Potter, foron asasinados por lord Voldemort. É a única persoa que sobreviviu a unha maldición "Avada Kedavra" (conxuro que produce a morte instantánea); mentres que a única marca visible que lle quedou foi unha cicatriz con forma de raio na fronte. Isto foi o que o levou a recibir os alcumes de "O neno que viviu" e "O elixido". O seus amigos máis cercanos en Howarts son Ron e Hermione, pero tamén ten unha relación moi cercana con Hagrid, o gardabosques de Hogwarts e con Albus Dumbledore, o director do colexio. Ademais, no colexio, pertence á casa Gryffindor, coñecida por pertencer a ela alumnos con valor.
- Naceu o 1 de marzo de 1980. É o mellor amigo de Harry dende que ámbolos dous entraron como alumnos no seu primeiro ano en Hogwarts. A súa familia é de sangue limpo. Ten 5 irmáns maiores e unha irmá menor. A pesar de que polo xeral sempre está con Harry cando este vive unha aventura, Ron sempre é relegado a un segundo plano pola fama do seu amigo. Como el, tamén pertence á casa Gryffindor.
- Naceu o 19 de setembro de 1979. É a mellor amiga de Harry e Ron. É filla de muggles, e a mellor estudante do curso no que están en Hogwarts. Encántalle ler e opina que todo o que vale a pena saber, pódese ler nun libro. É un ano maior que Harry e Ron. Coma eles, tamén forma parte da casa Gryffindor.
[editar] Outros principais
- É o director de Hogwarts e o mago máis poderoso da súa época. Durante os seus últimos anos de vida ocupouse, indirectamente, da educación de Harry Potter e de ensinarlle a única forma de vencer a Voldemort. Foi asasinado polo "Príncipe Mestizo" (Severus Snape), no sexto libro. Ademais, foi o único mago ao que Voldemort temeu. Trala súa morte, o mundo máxico entristece, e ao longo do sétimo libro Harry descobre que non ten un pasado tan brillante como el cría.
- É o antagonista da saga. O seu verdadeiro nome é Tom Sorvolo Ryddle (Tom Marvolo Riddle nas edición en inglés). Trátase do mago escuro máis grande de tódolos tempos. Ademais, é a persoa que máis avanzou en cuestión das artes escuras e a única capaza de alcanzar a inmortalidade. É o líder dos mortífagos, aos que utiliza para levar acabo as tarefas que el mesmo non quere (ou pode) realizar. É descendente directo de Salazar Slytherin, e herdou del a súa habilidade para falar coas serpes (a lingua "Pársel"). Perdeu o seu corpo ao intentar, sen éxito, matar a Harry Potter, e logo intentou recuperalo. Logrou volverse xerar no cuarto libro grazas ó sangue de Harry e de maxia escura, axudado por Colagusano e dende entón está a desenvolver novos proxectos. Creou seis Horcrux, dividindo a súa alma en sete partes, para intentar ser inmortal, e así, poder acabar con Harry.
- É un profesor de Hogwarts, ten con Harry Potter un profundo sentimento de odio mutuo. Nos seus días de mocidade sufría as burlas e ataques do pai de Harry e os seus amigos. É un mago moi poderoso con grandes habilidades escuras, ademais de enormes coñecementos acerca de pocións, legeremancia e oclumancia. Foi mortífago durante un tempo, pero logo entrou ao servizo de Dumbledore como espía. Máis adiante, porén, convírtese nun dobre espía ao servizo de Dumbledore e Voldemort, e non está claro de que lado está realmente. No sexto libro, descóbrese que segue sendo mortífago tras asasinar a Dumbledore coa maldición imperdoable "Avada Kedavra". Non obstante, no sétimo libro compróbase que non é tan malo como parece, xa que, en realidade, amou dende pequeno á nai de Harry, Lily Evans.
Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.
[editar] Adaptacións
[editar] As películas
O primeiro filme, Harry Potter e a pedra filosofal, foi dirixido por Chris Columbus. O director anhelaba tanto obter o traballo que tomou o guión escrito por Steven Kloves e só lle fixo algúns trocos que considerou prudentes. Na primeira entrevista de traballo que tivo en moitos anos pediu ser o último en pasar. Ao entrar á porta deu o seu guión e dixo:
Tómeno como a miñas notas persoais. Usen o que queiran usar e tiren o resto. Só quero demostrar o comprometido que estou con este proxecto, pois todos sabemos que en Hollywood ninguén ergue tan sequera un lapis se non se lle paga por iso.
A súa paixón levoulle a gañar o traballo.
Deu o papel de Harry Potter ao xove actor Daniel Radcliffe coas súas co-estrelas: Rupert Grint (Ron Weasley) e Emma Watson (Hermione Granger). A película foi estreada a finais do 2001 acompañada dun grande éxito nas taquillas que axudou ás vendas dos libros en países onde non eran moi famosos aínda.
O segundo filme, Harry Potter e a Cámara dos Segredos, tamén foi dirixida por Chris Columbus e foi estreada a finais do 2002. Rompeu récords de taquillas de novo e sorprendeu ao público polo troco de ton e madurez da historia. Chris tivo que deixar o traballo de director para non seguir pasando outro ano lonxe da súa familia, pero continuou como produtor.
A terceira película, Harry Potter e o preso de Azkaban, foi dirixida polo mexicano Alfonso Cuarón. Estreouse a mediados do 2004 e mostra unha atmosfera máis escura e tenebrosa. Cuarón foi suxerido pola mesma J. K. Rowling para o traballo de director xa que a ela lle fascinou o seu filme La Princesita, adaptación dun dos seus libros favoritos, que tamén produciu a Warner Bros.. Cuarón estaba algo inseguro sobre dirixir o filme, pero ao ler o guión convenceuse. Nunca lera os libros ata que dirixiu a película. Rowling asegura que Cuarón dirixiu o filme tan acertadamente que ata lle deron calafríos ao ver a maneira na que conectou coa historia, xa que, agregou, o director non tiña información privilexiada nin pistas dos futuros libros. Cuarón asegurou que os dous anos que traballou en Harry Potter foron os máis belos da súa vida. Ademais, deixou un selo mexicano no filme: durante a escena na tenda de doces Honeydukes podemos ver centos de calaveriñas de azucre que Cuarón ordenou traer de México especialmente para a filmación. Tamén podemos escoitar a Albus Dumbledore rosmar unha canción mexicana ao deixar a Harry e Hermione despois de liberar a Sirius Black. Cuarón expresou interese en dirixir o derradeiro filme, aínda que non asegura nada.
O cuarto filme, Harry Potter e o Cáliz de fogo, estreado en novembro do 2005, foi dirixido polo inglés Mike Newell (primeiro director inglés en toda a saga). O filme foi a primeiro en ser clasificado como Non recomendado para menores de 13 anos, debido ao seu nivel de violencia e momentos de terror. O director nunca paraba de falar da emoción que sentía de ter sido elixido para facer este filme, mentres promocionaba os seus outros traballos, o que demostrou o seu tremendo entusiasmo polo proxecto.
A quinta película, Harry Potter e a Orde do Fénix, estreouse mundialmente nos cines o 13 de xullo de 2007, e o seu director foi o inglés David Yates.
Con respecto ao sexto filme, Harry Potter e o misterio do príncipe, xa se pode falar algo del. Só se sabe que a preprodución xa comezou; que o guionista será Steve Kloves; que xa tiveron lugar algunhas audicións para distintos papeis, e que o director será de novo David Yates. Ademais, a Warner Bros. anunciou que a estrea deste sexto filme será (quizais mundialmente) o 21 de novembro do 2008.
Polo de agora, pódese dicir con respecto ao derradeiro filme, Harry Potter e as reliquias da morte, que se dividirá en dúas partes, e que a primeira será estreada alá por novembro do 2010 e a segunda en maio do 2011; sendo David Yates o seu director, quen xa o fora da quinta e sexta adaptacións.
Steve Kloves é o encargado de escribir os guións dos filmes coa axuda de J. K. Rowling, para que o que ocorra nas versións cinematográficas non contradiga os sucesos que van ocorrer nos futuros libros. En entrevistas, Rowling declarou que Kloves é a persoa á que revelou máis información sobre os libros, pero que non lle contara todo. Mesmo Kloves declarou a súa tremenda frustración cando Rowling se negou a contarlle o final de Harry Potter. A escritora tamén contou a Alan Rickman (Severus Snape) e Robbie Coltrane (Rubeus Hagrid) segredos acerca dos seus personaxes antes de que fosen revelados coa publicación dos últimos libros.
Título | Data da estrea | Director | Recadación mundial total |
---|---|---|---|
Harry Potter e a pedra filosofal | 16 de novembro do 2001 | Chris Columbus | $976.475.550 |
Harry Potter e a Cámara dos Segredos | 15 de novembro do 2002 | $878.988.482 | |
Harry Potter e o preso de Azkaban | 31 de maio do 2004 | Alfonso Cuarón | $895.541.069 |
Harry Potter e o Cáliz de fogo | 18 de novembro do 2005 | Mike Newell | $896.016.159 |
Harry Potter e a Orde do Fénix | 11 de xullo do 2007 | David Yates | $937.916.646 |
Harry Potter e o misterio do príncipe | 21 de novembro do 2008[10] | ||
Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) | Novembro do 2010[11] | ||
Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) | Maio do 2011[12] | ||
Total de ingresos nos primeros cinco filmes (coñecido ata o 22 de setembro do 2007): | $4.484.937.906[13] |
[editar] Os xogos
[editar] Videoxogos
Ata o de agora, Electronic Arts sacou á venda cinco videoxogos baseados nas tramas dos filmes e mais das novelas. Ademais, EA tamén produciu no ano 2003 un xogo de simulación de quidditch, chamado Harry Potter: o mundial de quidditch.
[editar] Xogos de mesa
LEGO tamén produciu os dous videoxogos sobre as primeras dúas películas, ademais dunha serie de bonecas e escenarios baseados nas cinco películas que a día de hoxe foron estreadas. Por último, Wizards of the Coast creou un xogo de cartas coleccionables baseado no mundo de Harry Potter. Este mazo de cartas chegou a ser o segundo xoguete máis vendido nos Estados Unidos[14].
[editar] O parque temático
O 31 de maio de 2007, Warner Bros., Universal Studios e Leavesden Studios anunciaron que se vai construír un parque temático sobre o mundo de Harry Potter en Islands of Adventure, que se chamará The Wizarding World of Harry Potter (O mundo máxico de Harry Potter), en Orlando, Florida, Estados Unidos[15]. Nunha conferencia de prensa, Warner Bros. «agarda que o parque abra as súas portas a finaiss do ano 2009. O parque contará con atracciónes interactivas, ademais de tendas e restaurantes»[16]. Xa se tiña pensado levar a cabo este parque dende hai ano e medio; desenvolvendo a idea coa axuda da propia escritora, J. K. Rowling e de Stuart Craig[15]. A súa data de apertura está prevista para o 1 de decembro do ano 2009[17].
[editar] Notas
- ↑ Potter's place in the literary canon. BBC. Páxina visitada: 15-10-2007.
- ↑ Jenny Booth (2007). J.K. Rowling publishes Harry Potter spin-off. Times UK. Páxina visitada: 10-01-2008.
- ↑ Alyssa Braithwaite (2007). What now for Harry Potter fans?. Daily Telegraph. Páxina visitada: 21-07-2007.
- ↑ Amazon.com - Harrius Potter et Philosophi Lapis
- ↑ Amazon.com - Harry Potter and the Philosopher's Stone (Ancient Greek Edition)
- ↑ Honor roll:Fantasy books. Award Annals. Páxina visitada: 15-08-2007.
- ↑ 7.0 7.1 Potter magic helps charity. BBCnews.co.uk. Páxina visitada: 17-12-2007.
- ↑ 8.0 8.1 'Harry Potter' offshoot unveiled. CNN. Páxina visitada: 17-12-2007.
- ↑ Amazon.com to J.K. Rowling: Thank You. Amazon.com. Páxina visitada: 17-12-2007.
- ↑ Confirmed: HBP movie release date. MuggleNet. Páxina visitada: 17-12-2006.
- ↑ Final 'Harry Potter' book will spawn two movies. Los Angeles Times. Páxina visitada: 12-03-2008.
- ↑ Final 'Harry Potter' book will spawn two movies. Los Angeles Times. Páxina visitada: 12-03-2008.
- ↑ 'Harry Potter' toots box office horn. Variety. Páxina visitada: 10-09-2007.
- ↑ LaSalle, Mike Harry grabs gold ring. San Francisco Chronicle. Páxina visitada: 13-11-2007.
- ↑ 15.0 15.1 The Wizarding World of Harry Potter—Universal Orlando Resort
- ↑ Majendie, Paul. All aboard for the Harry Potter rollercoaster. Reuters. Páxina visitada: 31-05-2007.
- ↑ Agárdase a apertura do parque temático de Harry Potter para o 1 de decembro do 2009.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
- Páxina da Editorial Galaxia (en galego)
- Páxina web oficial de J. K. Rowling (en varias linguas)
- Sitio da Editorial Scholastic (en inglés)
- Sitio da Editorial Salamandra (en castelán)
- Dicionario de termos de Harry Potter (en castelán)
Serie Harry Potter, de J. K. Rowling | |||
---|---|---|---|
|
|||
A pedra filosofal | libro | filme | videoxogo |
A Cámara dos Segredos | libro | filme | videoxogo |
O preso de Azkaban | libro | filme | videoxogo |
O Cáliz de fogo | libro | filme | videoxogo |
A Orde do Fénix | libro | filme | videoxogo |
O misterio do príncipe | libro | filme | |
As reliquias da morte | libro | filme | |
|
|||
Outros libros | Outros videoxogos | ||
Bestas fantásticas e onde dar con elas | Harry Potter: o mundial de quidditch | ||
O quidditch a través dos tempos | |||
Os contos de Beedle o Bardo |
Personaxes principais de Harry Potter
Harry - Ron - Hermione - Dumbledore - Voldemort - Snape - Hagrid - McGonagall - Flitwick - Sprout - Sirius - |