See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Cantiga de escarnio e maldizer - Wikipedia

Cantiga de escarnio e maldizer

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

A cantiga de escarnio e maldizer é unha lírica provenzal medieval, que non só foi determinante na concepción da cantiga de amor, perfeccionou unha canción satírica, á que lle daban o nome de sirventés, que, chegada ás nosas terras, influíu nos nosos trobadores para que estes, apoiándose quizais nunha tradición satírica autóctona transmitida oralmente e anterior á convivencia coas formas occitánicas, creasen un novo xeito de trobar: a cantiga de escarnho e maldizer.

O corpus lírico galego-portugués conta con aproximadamente 430 textos pertencentes ao xénero.

Índice

[editar] Significación

O realismo, que converte estas cantigas en composicións de importantísimo valor sociolóxico (aparecen debuxados personaxes de tódolos estamentos medievais) e lingüístico (o trobador está libre da subordinación rigorosa aos convencionalismos poéticos e fala con naturalidade), contrasta co idealismo das demais composicións galego-portuguesas. Este enfrontamento, esta dobre tendencia, ao divino por unha banda, e ao humano e pagano pola outra, é característica do home medieval, tantas veces cualificado coma bifróns por ser capaz de conxugar dentro del o máis matizado idealismo e o máis acendrado realismo.

[editar] Cantiga de escarnio e cantiga de maldizer

A anónima Arte de trobar diferencia as cantigas de escarnio das de maldizer:

- Cantigas d´escarneo som aquelas que os trobadores fazen querendo dizer mal d´alguen en elas, e dizen-lho per palavras cubertas que ajan dous entendymentos

- Cantigas de mal dizer son aquelas que fazen os trobadores [...] descubertamente, en elas entran palavras a que queren dizer mal e non aver outro entendimento senon aquel que queren dizaer chaamente

En resumo, nas cantigas de escarnio hai dobres sentidos e alusións indirectas, mais nas de mal dizer a má intención e as alusións explícitas son a súa característica esencial. Actualmente os estudiosos da lírica medieval galego-portuguesa acostuman estudalas conxuntamente.

[editar] Temática da Cantiga de escarnio e maldizer

Ver o artigo sobre o sirventés.

Na nosa lírica trobadoresca podemos distinguir os mesmos tipos de cantiga de escarnio, se ben, do primeiro grupo case non temos representación:

[editar] Sirventés moral

Case tódalas cantigas de escarnio e maldizer son composicións humorísticas referidas a circunstancias, acontecementos ou individuos concretos. Presentan, con absoluta liberdade de linguaxe, pequenos anacos da vida máis ou menos cotiá da Idade Media, de aí o seu valor histórico e sociolóxico. Pero son escasas as composicións que expresan reflexións morais de carácter xeral, e aplícase a elas especialmente o termo provenzal de sirventés cando achamos unha no noso lirismo. Un bo exemplo de sirventés moral é a cantiga de Airas Nunes coñecida co nome de A percura da verdade ou o de Martín Moxa, onde o trobador coida que as guerras, a inxustiza e as guerras daquel século eran sinais seguros da próxima chegada do Anticristo.

[editar] Sátira política

Podemos distinguir dous ciclos de cantigas políticas:

  • Entrega dos castelos ao conde de Boloña:
Afonso X criticou nas cantigas os cabaleiros que abandonaron a guerra de Granada
Afonso X criticou nas cantigas os cabaleiros que abandonaron a guerra de Granada

A mediados do século XIII hai unha guerra polo trono entre Sancho II e o Conde de Boloña. A maioría dos nobres portugueses e o bispo de Braga conspiraran para desterrar a Sancho II de Portugal. Estes nobres conseguiron que Sancho II fose excomungado porque, ainda que tivese sido un bo guerreiro, agora estaba en mans duns validos que non lle querían ben á igrexa. Sancho II refuxiouse na corte de Castela e morreu en Toledo. Moitos trobadores conviviron con el e satirizaron a igrexa e os nobres. Airas Peres Vuiturón ten unha cantiga na que insulta mesmo o Papa. É curioso que só conservemos as cantigas contra o novo rei, Afonso III, e que ningún trobador o defendese satirizando ao Boloñés.

No ano 1264 os mouros do sur recibiron reforzos de África. Afonso X preparou un exército para combatelos. O ciclo da guerra de Granada alude aos cabaleiros que abandonaron por covardía o campo de batalla. O propio rei sabio, o mesmo ca outros trobadores da súa corte, arremeteu contra os covardes cabaleiros. Participaron neste ciclo Pero Gómez Barroso, Gil Pérez Conde e Afonso Pérez de Besteiro.

[editar] Sátira social e de costumes

Gran parte das 400 cantigas de escarnio conservadas son sátiras de variadísimo asunto dirixidas a personaxes concretos, dos que se dá o nome frecuentemente. Non é doado facer unha clasificación temática destas cantigas, mais podemos considerar os seguintes ciclos:

  • A decadencia dos infanzóns:

Hai unha serie de cantigas que documentan a vida das clases nobres e o infantado dos s. XIII e XIV. Son cantigas en que aparecen os valores novos que sentan os alicerces da expansión burguesa a base de ridiculizar os infanzóns, enfonchados e orgullosos da súa condición nobre, mais sumidos na miseria.

  • Sátira de diferentes tipos sociais:

Son tamén frecuentes as sátiras contra privados, validos, administradores, avogados, xuíces, médicos, físicos, sangradores, astrólogos, criadas vellas entremetidas... Atácase a corrupción dos cargos públicos. Hai cantigas que satirizan os xudeus e mesmo os romeiros de Terra Santa, que chegaban de alá contando historias que ninguén cría.

  • Soldadeiras, cregos, abadesas e cantigas obscenas:

Un grupo numeroso de cantigas fai referencia á vida das soldadeiras, que acompañaban a trobadores e xograres e exercían a prostitución (a máis coñecida é María Pérez Balteira), a abadesas e cregos, satirizando a súa luxuria, a homosexualidade masculina ou feminina e todo tipo de vicios. A linguaxe destas cantigas é atrevida e non todo o mundo está de acordo en que constitúan, como di o profesor Rodrigues Lapa, a cloaca dos nosos cancioneiros.

  • Sátira xograresca:

Son frecuentes os escarnios que se dirixen mutuamente trobadores e xograres. Podemos distinguir os seguintes tipos:

a) As que aluden a sucesos acontecidos ao destinatario da cantiga. Son esaxeracións, sobre todo satirizan o aspecto físico.

b) As que ridiculizan a arte e pretensións dos poetas pobres. A nosa lírica ten frecuentes factores que salientan o seu carácter aristocrático. O trobador, home nobre que traballa os versos por amor á arte, é o único que en teoría está capacitado para compoñer. As composicións dos xograis serán obxecto da crítica dos trobadores, así como a mentalidade fechada dos trobadores será satirizada polos xograis. Podemos entre estas considerar o ciclo das referidas ao xograr Lourenço.

c) As que ridiculizan un individuo polas súas escasas calidades trobadorescas.

d) As que escarnecen algún trobador por saltar as normas do amor cortés. Neste último caso, podemos integrar o ciclo do escándalo das amas e as tecedeiras Joan Soares Coello, en contra das leis do amor cortés que esixía a condición nobre para as damas dos namorados, dirixiu unha cantiga a unha ama de cría. É unha cantiga de gran sinceridade por parte do poeta e que parecía querer liberar a nosa lírica das normas ríxidas ás que estaba sometida. Fernán García Esgaravunha ridiculízao facendo unha cantiga que parodia a escrita por el, nela comenta as virtudes da dama referindo, cunha grande carga irónica, o ben que a ama de cría amasaba, tecía, cosía bragas e camisas ou facía chourizos. Joan Soares Coello debeu pensar que esta cantiga a fixera Airas Peres Vuitorom e dirixiulle a este a súa ira noutra cantiga. Vuitorom, naturalmente, respóndelle.

De entre as composicións en que aparecen as críticas mutuas entre xograres e trobadores destaca a tenzón. A tenzón é un xénero menor das cantigas de escarnio. É unha cantiga de carácter dialogado en que, polo xeral, un dos interlocutores fala nunha estrofa e outro na seguinte. Na Arte de Trobar dise que as tenzóns poden ser de amor, de amigo ou de escarnio, mais hoxe téndese a falar de tenzóns coma unha variedade das cantigas de escarnio e maldicir. Nesta composición dialogan un trobador e un xograr, co interese conseguinte da diferenza social e cultural que podían presentar. O primeiro que intervén elixe o argumento, o outro debe responder aténdose ó mesmo esquema métrico e rítmico. Hai pois unha tendencia á ridiculización pública e son, sen dúbida algunha, a mellor crónica da vida e da sociedade da época

[editar] Ligazóns externas

Outras linguas


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -