Baía de Fundy
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A baía de Fundy é un brazo de mar situado sobre a costa atlántica do Canadá, no extremo norte do golfo de Maine, entre as provincias canadenses de Nova Brunswick e Nova Escocia. Ten 270 km de lonxitude e unha media de 80 km de anchura.
Índice |
[editar] Orixe do nome
O nome « Fundy » data do século XVI, cando os portugueses denominábana baía « Rio Fondo » (río profundo). Este nome podería vir tamén, máis probablemente, dunha mala tradución (Fundy Bay) da expresión francesa « fond da Baie... », porque esta baía foi tamén chamada Baie française polo explorador e cartógrafo Samuel de Champlain durante a expedición de 1604, conducida por Pierre Dugua, e a finais do século XVII a colonia francesa estendíase ao « fond da Baie française », ata « a Grand'Prée » (sic), devido en Grand-Pré, preto do actual Truro (Nova Escocia).
[editar] Xeografía
A baía de Fundy ten a forma dun funil de 80 km de anchura na entrada e termina en dúas prolongacións estreitas: a baía de Chignectou e a enseada de Minas (nome que provén do francés bassin des Mines que lle puxeron os acadianos).[1][2] Estas últimas se subdividen en:
- Baía de Chignecto : enseada de Cumberland e baía de Shepody.
- Enseada de Minas : remata na baía de Cobequid.
A parte oeste ten catro sub-baías importantes, que son:
- Costa de Nova Brunswick:
- Baía de Passamaquoddy
- Baía Back
- Costa de Nova Escocia:
- Enseada de Annapolis
- Costa do estado norteamericano de Maine:
- Baía de Cobscook
A baía de Fundy é relativamente pouco profunda pero o seu fondo irregular, en xeral de 50 m de profundidade, ten algunhas canles de 150 m de profundidade.[1][2] Atópanse baixíos, arrecifes e illotes, particularmente na súa embocadura. A baía é o resultado dun afundimento da cortiza terrestre no momento da abertura do océano Atlántico, fai máis de 160 millóns de anos; máis tarde, as glaciacións e a erosión modificaron a súa forma. A beira é rochosa e pouco elevada en xeral, pero con algúns escarpados de 200 m de altura. Pantanos salgados e batintes de ata cinco quilómetros de anchura son comúns no fondo da baía onde os lodos de arxila vermella son moi produtivos bioloxicamente.
[editar] Mareas
A baía de Fundy é coñecida mundialmente polas súas grandes mareas (ata 21 metros), segundo algunhas fontes as máis altas do mundo. Unha lenda micmac di que as mareas da baía de Fundy están causadas por unha balea xigante que axita a auga. Os oceanógrafos explican máis cientificamente que o período que toma a ondada para ir dun extremo a outro da baía e o tempo entre dúas mareas altas (12,4 horas) é similar. Estes dous fenómenos entran pois en resonancia e amplían a diferenza entre a marea alta e a marea baixa. Ademais, como a baía estréitase gradualmente entre a súa entrada e as estreitas baías de Chignecto e de Minas, o volume de auga vese pois forzado a cambiar de configuración aumentando a súa altura para compensar a diminución da anchura.[3][1]
A enseada de Minas é famosa por ter as mareas máis altas do mundo, pero algúns sosteñen que é a conca do rivière aux Feuilles (río das Follas) na baía de Ungava do Nord-du-Québec a que recibe esta marca. O Servizo Hidrográfico do Canadá concluíu finalmente que as dúas eran estatisticamente iguais. En efecto, a media é de 16,8 m en Burntcoat Head, Nova Escocia e 17 m na enseada de Leaf. A marca da marea máis grande é de 21,6 m, do 4 ao 5 de outubro de 1869, no momento do paso dun furacán, chamado “Saxby Gale”,[4] ao noroeste da baía de Fundy. Os ventos e unha marea excepcional combináronse. Con todo, como a enseada de Leaf está nunha rexión afastada, as estatísticas alí son recentes e pouco proporcionadas.
Estas mareas e as fortes correntes na baía xeran en certos lugares menos profundos os ascensos da auga das profundidades. Toda esta mestura permite á baía permanecer libre de xeo ao longo do ano, aínda que a temperatura da auga nunca suba a máis de 10 ºC en verán e que en inverno a nieve cae en gran cantidade.
[editar] Central eléctrica maremotriz
Varios proxectos de centrais eléctricas alimentadas por enerxía maremotriz foron propostos no curso das últimas décadas. Construiríase un encoro a través dunha das enseadas da baía, deixando pasar o fluxo e que retería o refluxo para desvialo cara a unhas turbinas. Xa existe unha central en Annapolis Royal (Nova Escocia) na desembocadura do río Annapolis. Produce 18 megavatios de potencia e serve como proxecto piloto para observar os impactos ambientais, entre os que esta a erosión das beiras, o enareamento do río, a retención de metais pesados e de praguicidas polo encoro, o bloqueo imposto á fauna (como as baleas) e os efectos sobre a flora que crece na zona intermarea.
Ata de agora, a construción de centrais máis grandes que esixirían pechar anchas baías non chegou a bo termo por mor dos problemas atopados en Annapolis Royal, así como polos efectos descubertos sobre o aumento probable das mareas (0,2 - 1 m) debido a esta restrición de fluxos, o que podería causar inundacións ata sobre a costa de Maine.
Outros proxectos pretenden instalar aquanators, unha sorte de hélices mariñas, versión acuática dos aeroxeradores. Trátase dun tubo mergullado no cal atópanse seccións de turbinas que son movidas pola corrente. Estes tubos de xeradores estarían colocados en lugares onde o fluxo é acelerado por un estreitamento e non prexudicarían á circulación xeral.
[editar] Illas
Das illas e illotes que se atopan na baía de Fundy, a máis grande é a de Grand Manan na fronteira entre Nova Brunswick e Maine. Tamén podemos mencionar a illa Campobello onde Franklin Delano Roosevelt tiña unha residencia de verán, a illa Moose e a illa Deer na baía de Passamaquoddy na costa norte. No sur, atopamos a illa Brier e Long Island. No fondo da baía, podemos ver na baía de Chignecto a illa Haute e, na enseada de Minas, as moi pintorescas Cinco Illas. En Hopewell, na baía de Chignecto, atopamos as rochas de Hopewell con marea baixa que se converten en illotes con marea alta. É un lugar moi apreciado polos turistas e desde onde poden ver moi ben a variación das augas.
[editar] Tributarios
A baía recibe varios ríos, dos que o máis importante é o río Saint John. Os ríos que aflúen na baía son:
Desde Nova Brunswick |
Desde Nova Escocia |
---|---|
|
|
As fortes mareas da baía de Fundy causan un fenómeno interesante na maioría destes ríos: un investimento do fluxo das augas entre as mareas baixas e altas. Con marea baixa as augas doces dos ríos desembocan na baía mentres que con marea alta, as augas salgadas da baía invaden o interior das terras. Este fenómeno é particularmente espectacular no centro da cidade de Saint John onde as caídas á desembocadura do río son colmadas polo fluxo que chega da baía. Isto permite a navegación pola parte superior este obstáculo con marea alta.
Esta caída dos fluxos e unha pendente bastante débil xeran zonas anchas e cenagosas en toda a zona intermarea sobre os ríos do leste da baía. Isto resulta moi favorable para unha gran diversidade biolóxica, pero os fai a miúdo impracticables para a navegación. Outro fenómeno relacionado con estas dúas condicións é o caso do macareu sobre algúns destes ríos. Trátase dunha onda que rompe cara ao interior das terras diante da marea alta. Isto é causado pola auga que vén da baía e que debe meterse nun río estreito e pouco profundo.
Volvemos a atopar macareus sobre o río Shubenacadie en Truro (Nova Escocia), sobre o río Salmon preto da mesma cidade, así como sobre os ríos Petitcodiac en Moncton e Avon preto de Windsor. Este fenómeno atrae a moitos visitantes e ata podemos facer rafting sobre as ondas a partir do pobo de Maitland. Con todo, a construción de pontes-diques nos anos 1960-1970 afectou considerablemente os macareus nos dous últimos lugares acelerando a acumulación de area.
[editar] Fauna e flora
Atopamos na baía máis de 800 especies de invertebrados,[2] unha gran variedade de peixes entre os que están o bacallau común, o arenque, a platixa, a pescada vermella, a pescada prateada, o fogoneiro, o cabracho, a xarda, o burro (melanogrammus aeglefinus), o fletán, raias e quenllas. A produtividade da rexión é excepcionalmente elevada, particularmente á entrada da baía. Alberga pois un abundante ecosistema mariño, o krill, presente en gran cantidade nestas augas frías, tamén atrae baleas de especies diversas e outros cetáceos. De xuño a outubro, prodúcense concentracións importantes de toniñas comúns,[2] rorcuales comúns, rorcuales enanos, baleas xorobadas e de rorcuales boreais aparecen na baía. A baía externa é utilizada como área de desenvolvemento pola balea franca glacial, unha especie en vías de desaparición; podemos ver alí a maioría das veces parellas nai-baleato e inmaturas. As focas comúns residen na rexión e atópanse por todas partes.
A rexión é de gran importancia como escala migratoria para millóns de aves,[2] pero tamén como área de descanso e de invernada para varias especies: gaivotas, carráns, corvos mariños, arao romeiro, araos de ás brancas, araos comúns e de patos de mar. Atópanse tamén máis de 34 especies de aves ribeiregas no outono; as concentracións máis grandes (que poden alcanzar 1,5 millóns de individuos) atópanse nos extremos rochosos do fondo da baía. A rexión reviste unha importancia particular para o Pilro semipalmado,[5] xa que entre o 42 e o 74 por cento da poboación mundial fai escala aquí cada ano.
[editar] Portos e navegación
O porto de Saint John (Nova Brunswick)) é un dos de máis tráfico en América do Norte, especializado nas principais industrias de Nova Brunswick: madeira e pasta de celulosa. Tamén atopamos alí a refinería de petróleo máis grande do Canadá, a Irving Oil. Por outra banda a familia Irving, a máis influente da provincia e unha das máis ricas no país, ten alí o seu cuartel xeral.
Outros portos de importancia son:
- Hantsport (Nova Escocia), sobre o río Avon, grazas á súa fábrica de pasta e papel e a exportación de xeso a granel.
- Bayside (Nova Brunswick)
- Eastport (Maine)
Hai varios servizos de transbordadores, dos que un atravesa a baía desde Saint John cara a Digby (Nova Escocia) (operado por Bay Ferries Limited) e varios entre o continente e as illas:
- Illa Grand Manan cara a Blacks Harbour e cara a White Head Island (Nova Brunswick) (por Coastal Transport Limited)
- Illa Deer cara a Letete (polo departamento de transportes de Nova Brunswick)
- Illa Campobello cara á illa Deer e Eastport (Maine) cara á illa Deer (por East Coast Ferries Limited)
- Westport (Nova Escocia) (illa Brier) cara a Freeport (Nova Escocia) (illa de Long Island) e Tiverton (Nova Escocia) (Long Island) cara a East Ferry (Nova Escocia) (polo departamento de transportes e obras públicas de Nova Escocia)
Todo este tráfico marítimo de transbordadores, buques de carga e flotillas de pesca en varios pequenos portos fan da baía un lugar moi frecuentado. As colisións coas baleas, particularmente as baleas negras (ou baleas francas) están en aumento. En 2003, a Garda costeira canadense redefiniu as vías marítimas na baía de Fundy tratando de evitar as zonas onde se atopan estes mamíferos que están na lista de especies ameazadas.
[editar] Notas
- ↑ 1.0 1.1 1.2 (6 de agosto de 2007). Marées géantes de la Baie de Fundy. Hopewell Rock. Páxina visitada: 20/03/2008. (en francés)
- ↑ 2.0 2.1 2.2 2.3 2.4 Le Plan de réseau des aires marines nationales de conservation du Canada: Baie de Fundy. Aires marines nationales de conservation du Canada. Parcs Canada. Páxina visitada: 20/03/2008. (en francés)
- ↑ Parcs national du Canada Fundy (26 de xaneiro de 2007). Les marées géantes de la baie de Fundy. Parcs Canada. Páxina visitada: 20/03/2008. (en francés)
- ↑ (xuño de 1999), A Multi-disciplinary and Inter-scientific Study of The Saxby Gale: an October 4-5 1869 hybrid hurricane and record storm surge, 67-75, CMOS Bulletin (Société canadienne de météorologie et d'océanographie), volume 27, número 3. (en inglés)
- ↑ Fiches d'informations sur les Oiseaux : Le bécasseau semipalmé par Flore et Faune du pays (en francés)
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Pourquoi les marées de la baie de Fundy sont-elles les plus hautes au monde? do Parque de Hopewell Rock (en francés)
- Páxina do Parque Nacional da Baía de Fundy de Parc Canada (en francés)
- Parque de Hopewell Rock (en francés)