Ulfilas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ulfilas (Wulfila ou Ulfila, nado cara o 311 – morto cara o 383) era de orixe grega, máis concretamente capadocia.
Os seus avós, capadocios helenizados, foron vítimas dos ataques godos en Asia Menor na fin do século III a.n.e. e Ulfilas naceu no seu reino, na beira do Mar Negro.
Ademais de aprender a lingua dos seus donos desde a máis tenra infancia, falaba tamén o grego, que aprendeu a escribir ao estar destinado probablemente á carreira eclesiástica.
O seu talento valeulle ser embaixador en favor do seu pobo adoptivo ante o Imperio romano de Oriente. Alí entrou en contacto co bispo ariano Eusebio de Nicomedia, que o consagrou bispo o ano 341.
Co fin de evanxelizar os godos, dedicouse a traducir a Biblia á lingua gótica, coa axuda dun alfabeto que inventou para tal fin. Convertido en apóstolo dese pobo bárbaro, dirixiuse a Constantinopla en moitas ocasións, especialmente a un concilio sobre o arianismo, en 360, e en 383 para defender o Arianismo contra o emperador Teodosio I.
Morreu pouco despois.
Ignórase precisamente as circunstancias da conversión de Ulfilas ao Arianismo: esta herexía era a relixión dominante baixo o emperador Constancio II. En calquera caso, Ulfilas mostrouse un ariano fiel ata a fin da súa vida e foi baixo a súa influencia cando os godos, e logo outros pobos xermánicos orientais adoptaron esta versión do cristianismo.
A el débese, aínda que indirectamente, o rexurdimento do arianismo en Occidente nos séculos VII e VIII, por medio dos godos, dos vándalos e dos burgundios, e finalmente dos longobardos.
A tradución da Biblia que el fixo consérvase ata hoxe e constitúe un dos documentos dos que dispomos para o coñecemento da lingua gótica.