TGV
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Tren de Gran Velocidade (en francés: Train à Grande Vitesse), coñecido como TGV, é un tipo de tren de alta velocidade desenvolvido por Alsthom (actualmente Alstom) e SNCF, a compañía de ferrocarrís nacional francesa, e operado principalmente pola propia SNCF. A inauguración do servizo deste tren tivo lugar co traxecto entre París e Lyon en 1981. Actualmente a rede do TGV conecta París con outras cidades de Francia e cos seus países veciños.
O TGV é un dos trens convencionais máis veloces do mundo, operando nalgúns tramos a velocidades de ata 320 km/h tendo a marca de maior velocidade media nun servizo de pasaxeiros e o de maior velocidade en condicións especiais de proba. En 1990 acadou a velocidade de 515,3 km/h, e o 3 de abril de 2007 superou o seu propio rexistro ao chegar aos 574,8 km/h na liña París-Estrasburgo[1].
O éxito da primeira liña provocou axiña o espallamento do servizo, con novas liñas construídas cara ao sur, oeste e nordés do país. Ansiosos por imitar o éxito da rede francesa algúns países veciños como Bélxica, Italia ou Suíza construíron tamén as súas propias liñas de alta velocidade enlazando as liñas do TGV francés con Bélxica, Alemaña, Países Baixos e ata co Reino Unido.
As altas velocidades destes trens son posibles en grande medida a un esixente deseño do trazado das vías chamado LGV (acrónimo francés de ligne à grande vitesse) ou liña de alta velocidade. Estas liñas de alta velocidade requiren dunhas características especiais para facer posible a viaxe de alta velocidade. As características destas liñas deben incluír curvas dun gran radio de xiro, capacidade para proporcionar enerxía a motores eléctricos de gran potencia, travesas con capacidade para aguantar estes trens cun baixo peso por eixo e remolques articulados ou sistema de sinalización en cabina que elimine a necesidade do maquinista de identificar os sinais a alta velocidade.
O TGV é basicamente un servizo para o transporte de pasaxeiros, pero existe unha pequena serie dun TGV para uso postal entre París e Lyon caracterizado polas súas cores amarelas. Ademais dos TGV de Francia, existen trens derivados do TGV en Corea do Sur (KTX), España (AVE S.100 e Euromed S.101), e Reino Unido (Eurostar).
O TGV absorbeu unha grande cantidade de desprazamentos a nivel nacional que antes se realizaban en avión, debido á redución do tempo de viaxe, especialmente para os traxectos de menos de 3 horas. Isto débese a que a viaxe en tren complétase nun tempo menor pola ausencia de protocolos e inspeccións asociadas aos aeroportos, así como das formalidades de seguridade aeroportuarias. Tamén inflúen detalles como a localización das estacións, moito máis próximas ao centro das cidades que os aeroportos. Por outra banda, o TGV é un medio de transporte moi seguro que non tivo ningún accidente a gran velocidade.
Índice |
[editar] Notas
- ↑ Francia acelera ata os 574 Km/h, ElPaís.com, 03/04/2007
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Soulié, Claude and Tricoire, Jean. Le grand livre du TGV. La Vie du Rail (2002) ISBN 2-915034-01-X (en francés).
- Cinotti, Éric and Treboul, Jean-Baptiste. Les TGV européens. ISBN 2-13-050565-1 (en francés).
- Perren, Brian. TGV Handbook. ISBN 1-85414-195-3 (en inglés).
[editar] Outros artigos
- TGV-TMST (Eurostar)
- TGV (Thalys)
[editar] Ligazóns externas
- TGV (Sitio oficial)
- Información do TGV
- Información do TGV (en castelán)
- Video da consecución do record de velocidade do TGV en YouTube.
- Fotos do TGV en Flickr