Simone Weil
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Simone Weil (París, 3 de febreiro de 1909 - Ashford, 24 de agosto de 1943) é unha filósofa francesa
Índice |
[editar] Biografía
Simone Weil nace en París no seo dunha familia xudía, intelectual e laica. Foi alumna do filósofo Alain, ingresando aos 19 anos na École Normale Superieure; durante algúns anos foi profesora de instituto até que decidiu traballar como simple obreira. Un diario conservador ponlle o alcume de "a virxe vermella", pola súa estraña combinación de preocupacións pola situación social e pola pureza e a verdade. Despois dun breve retorno á docencia, en 1936 participa na Guerra Civil Española, xunto a grupos anarquistas, pero un accidente obrígaa a volver a Francia.
En 1937 visita Italia, e en Asís inicia a súa "conversión" ao cristianismo (a relixión dos escravos), ou máis ben a unha forma de relixiosidade esencial.
En 1942, fuxindo do nazismo, parte coa súa familia a Nova York, pero arrepíntese da súa "deserción" e volve a Londres para participar nas actividades da Francia libre. Intentando compartir a desventura e o sufrimento da guerra co movemento da resistencia, pediu intervir nalgunha misión perigosa, pero só conseguíu traballar nas oficinas de "France libre" en Londres, redactando informes.
En 1943 diagnostícanlle tuberculose, aínda que había xa tempo que estaba enferma. No hospital négase a consumir alimentos e déixase morrer.
[editar] Pensamento
As obras de Simone Weil, que foron publicadas todas a título póstumo, darían lugar a interpretacións de corte católico, marxista, e tamén feminista. Nos difíciles anos nos que viviu tan só chegou a publicar artigos e ensaios nalgunhas revistas de tendencia trotskista, aínda que chegou a ser bastante coñecida sobre todo por frecuentar os ambientes do sindicalismo revolucionario. Nela está baseada, por exemplo, a polémica personaxe de Lazare que Bataille creara para a súa novela O azul do ceo.
No seu primeiro traballo sobre Descartes xa está a idea de que o traballo xera ciencia e coñecemento, é productivo, mentres que o poder é sempre unha instancia parasitaria. Weil rexeita o mito revolucionario do poder positivo; aínda que se trate dun poder proletario, sempre é necesaria algunha resistencia que se lle opoña. Neste senso, estaba próxima ás tendencias trotskistas, de feito traduciu ao francés A revolución permanente de Trotski e mantivo un longo diálogo con el durante a súa estadía en París.
Mentres que Trotski seguía a propoñer aos partidos obreiros como suxeito revolucionario, Weil cría que só os sindicatos poderían dar vida á "Fronte única", pero estes atopábanse paralizados polos partidos. Para Weil, a revolución e o comunismo xa morreran en 1933 en Europa, vencidos polo totalitarismo, mentres que na URSS, a revolución levada a cabo "nun só país" tranformara este nun inmenso cárcere.
Ademáis, fronte ao que pensaba Marx, Weil cre que a organización do traballo non é facilmente transformábel, xa que o poder non só o exercen os capitalistas, senón tamén a burocracia técnica e administrativa. Ademáis, a Marx escapóuselle o carácter indeleble das relacións de subordinación económica e social, o compoñente de necesidade no traballo obreiro ou de subordinación a forzas naturais e sociais obxectivas, e o mecanismo de loita polo poder inherente á esencia humana.
A única posibilidade é reducir o nivel de opresión humanizando a vida laboral. O traballo é un valor humano, non unha cousa calquera da que nos poidamos desprender; de aí o gran erro do movemento obreiro, que levou a crear, con Lenin, unha sociedade que oprimiu coa esperanza de liberar.
Unha sociedade civil xusta sería aquela na que estas necesidades fosen satisfeitas para todos e todas e na que o ordenamento lexítimo non estivese fundado no poder, senón na autoridade e no ben.
A súa última obra Arraigo, escrita entre 1942-43, é unha declaración dos deberes cara ao ser humano. Nela propón unha fundación do "dereito natural das xentes" alternativa á Declaración universal dos dereitos do home e o cidadán de 1789, na que a base non fosen os dereitos, senón os deberes de cada ser humano con respecto aos demais.
[editar] Obra
- Ciencia e percepción en Descartes.
- Ensaios e artigos sobre a crise alemá.
- Reflexións sobre as causas da liberdade e da opresión social.
- A condición obreira.
- Algunhas reflexións sobre as orixes do hitlerismo.
- A Ilíada, poema da forza.
- Deus en Platón.
- Opresión e liberdade.
- Escritos históricos e políticos.
- Arraigo. Preludio a unha declaración dos deberes cara ao ser humano.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Fernández Buján, Inés (2006), As mulleres na filosofía, A Coruña: Baía. ISBN 978-84-96526-48-8.