Piramidión
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O piramidión era a pedra de pequenas dimensións que servía de remate nos obeliscos ou tamén a última pedra que se colocaba na cúspide das pirámides. O piramidión estaba decorado e convertiuse por direito propio nun obxecto simbólico, tendo sido empregado como trazo máis impresionante das pequenas pirámides de tixolo das tumbas privadas do Imperio Novo do Antigo Exipto (Deir el-Medina, Saqqara) e do Período Tardío (Abidos). Nestes casos, decorábanse con escenas de adoración ao sol ou referidos á súa viaxe na barca solar.
Por extensión, chámaselle tamén piramidión a calquer pirámide de base ancha e pouca altura que se aplica a modo de remate sobre algúns elementos arquitectónicos ou decorativos.