See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Pega - Wikipedia

Pega

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Pega
Estado de conservación
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Paseriformes
Familia: Corvidae
Xénero: Pica
Nome científico
Pica pica
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

A pega (Pica pica) é un paxaro da familia dos córvidos (corvidae). Vive en boa parte de Eurasia, norte de África e Norteamérica. En Europa vive sobre todo nas proximidades dos asentamentos humanos. A súa plumaxe branca e negra e a súa cola longa fana inconfundible.

Índice

[editar] Descrición

Pega voando
Pega voando

As cores de base da subespecie típica da pega son a branca e a negra. A cola é longa, moitas veces tan longa coma o corpo. A barriga, os lados e os ombreiros son brancos, así coma a parte das alas. O resto da plumaxe é negra con reflexos metálicos azuis, verdes ou purpúreos. Na primavera a coloración faise máis mate e con menos reflexos. En xeral os machos adultos teñen unha plumaxe máis brillante. O bico e as patas son negros. A plumaxe de machos e femias é semellante.

Os exemplares novos teñen cores moi semellantes ás dos adultos. A cola é algo máis curta e sen reflexos e os ombreiros ás veces non son brancos puros, senón máis ben grises.

As pegas miden entre 41 e 51 cm de longo e as alas teñen unha envergadura duns 90 cm. Os machos pesan de media uns 233 gramos; as femias, 203 g.

Cando están no chan as pegas desprázanse con saltiños, aínda que saben camiñar. Móvense moi axilmente entre as pólas das árbores. O seu voo e ondulante.

[editar] Voz

O corveo característico das pegas consiste nunha serie máis ou menos rápida de berros. Este son sérvelle de voz de alarma e ameaza para defendelo seu territorio de cría. Os exemplares que non están a criar emíteno só en caso de perigo. Se o perigo é especialmente intenso, os berros son máis seguidos e rápidos.

Un lixeiro cacarexo serve para certificar a unión de parella. É moi variable individualmente e pode ser rítmico ou non. As veces contén asubíos e trinos. As pegas solitarias imitan a outras aves. A miúdo para marca-lo territorio póusanse na póla máis alta dunha árbore que estea no centro deste mentres que cantan.

[editar] Distribución

Verbreitungsgebiete. Cada cor representa unha subespecie de pega:  verde: Pica p. pica,  verde claro: P. p. asirensis, verde pantano: P. p. bactriana, vermello: P. p. bottanensis, verde escuro: P. p. fennorum, azul: P. p. galliae, turquesa: P. p. germanica, amarelo: P. p. hemileucoptera, violeta: P. p. hudsonia, marrón: P. p. jankowskii, laranxa claro: P. p. japonica,  azul escuro: P. p. kamtschatica, hell pink: P. p. leucoptera,  laranxa: P. p. mauritanica, azul ceo: P. p. melanotos, rosa:  P. p. nuttalli, dunkelrot: P. p. sericea
Verbreitungsgebiete. Cada cor representa unha subespecie de pega: verde: Pica p. pica, verde claro: P. p. asirensis, verde pantano: P. p. bactriana, vermello: P. p. bottanensis, verde escuro: P. p. fennorum, azul: P. p. galliae, turquesa: P. p. germanica, amarelo: P. p. hemileucoptera, violeta: P. p. hudsonia, marrón: P. p. jankowskii, laranxa claro: P. p. japonica, azul escuro: P. p. kamtschatica, hell pink: P. p. leucoptera, laranxa: P. p. mauritanica, azul ceo: P. p. melanotos, rosa: P. p. nuttalli, dunkelrot: P. p. sericea

As pegas viven nunha ampla área de Eurasia, no norte de África e Norteamérica. En Europa viven dende o cabo Norte en Escandinavia ata o sur de España e de Grecia. Falta só nalgunhas illas do Mediterráneo. No norte de África aparece nas costas de Marrocos, Alxeria e Tunicia. Son aves sedentarias, aínda que, por exemplo en Escandinavia, se despracen no inverno.

No leste de Europa acada os 65° Norte. No Oriente Próximo espállase dende Turquía e parte do Irán ata case a costa do golfo Pérsico. En Asia chega dende o noroeste de Mongolia ó norte do Vietnam. Hai unha poboación illada na península de Kamchatka e outra pequena poboación protexida pola súa escaseza, no noroeste da illa xaponesa de Kyushu. En Norteamérica viven na parte oeste do subcontinente, de Alasca a California.

[editar] Sistemática

Crese, en xeral, que o xénero Pica é orixinario de Eurasia e que se espallou por América no Pleistoceno tardío, posiblemente atravesando o estreito de Bering. Aínda así, a aparición en Texas dun fósil semellante á especie Pica pica podería facer retrasar ó Plioceno a data da súa aparición en América.

[editar] Sistemática interna

As subespecies diferéncianse polo tamaño, o peso, o tamaño e debuxo das plumas das alas, e a coloración da zona baixa do lombo. Tamén hai algunhas diferencias esqueléticas e da pigmentación das plumas da cola que poden ter reflexos azuis, violetas, púrpuras, verdes, da cor do cobre o da do latón. As variedades máis escuras son as de máis ó sur; as máis claras as do nordeste de Eurasia. A parte inferior do lombo é a que amosa máis claramente esta característica. En xeral as formas do sur son meirandes e coas plumas da cola máis curtas cas do norte.

Suponse que a diferenciación en variedades co bico marelo ou negro foi anterior á diferenciación interna das razas de peteiro negro.

[editar] Subespecies euroasiáticas

Pica p. mauritanica
Pica p. mauritanica
Pica p. sericea
Pica p. sericea
  • Pica p. pica é a forma normativa.
  • P. p. galliae ten a parte inferior do lombo máis escura ca P. p. germanica e cas pegas escandinavas. Viven en Francia, Bélxica e Rheinland-Pfalz. En Suíza foi exterminada en 1915.
  • P. p. melanotos, coa parte baixa do lombo negra. A cola ten reflexos verde-amarelos. Vive na Península Ibérica.
  • P. p. mauritanica, a variedade máis pequena e escura. As alas teñen reflexos verde escuros e purpúreos. A raíz da cola é sempre negra. Detrás dos ollos teñen unha zona sen plumas de cor azul cobalto. É propia do noroeste de África, Marrocos, Alxeria e Tunicia). Algúns científicos considérana unha especie separada.
  • P. p. germanica, a menor é de alas máis curtas ca forma tipo. Vive nunha área dende Turinxia ata Niederlausitz. Os máis dos ornitólogos non a consideran una subespecie separada.
  • P. p. fennorum, as alas son máis longas (nos machos 190–221 mm) que na subespecie tipo. O nacemento da cola é gris, máis claro que na P. p. pica. Vive no noreste de Escandinavia, Finlandia e o norte da Rusia europea.
  • P. p. bactriana, máis clara. A cola ten reflexos da cor do bronce, nunca azuis. Habita as zonas media e leste dos territorios da antiga Unión soviética: as cuncas do Volga e o Don e o leste de Ucraína. Tamén á beira do mar de Azov ata Astrakhán, no norte do Cáucaso, en Transcaucasia no Transcaspio e no oeste de Turquestán. Tamén nas estepas centrais de Kirguizia, Semipalatinsk, Afganistán e Beluchistán.
  • P. p. asirensis, de lombo negro, e plumas dos “brazos” azuis escuras. As puntas das plumas internas son grises. Viven nos montes Asir. A súa presenza na Arabia do sur non foi probada. Algúns científicos considérana unha especie aparte.
  • P. p. hemileucoptera, meirande ca P. p. bactriana e con plumas dos “brazos” máis verdosas. A cola ten reflexos amarelados e averdegados. As puntas das plumas das "mans" non teñen mancha distal negra. Vive na Siberia central, Altai, montaña Saian, noroeste de Mongolia, leste de Turkestan, oeste do Tian-Xan e Talas Alatau.
  • P. p. leucoptera, meirande ca anterior e con máis branco aínda nas alas. A parte baixa do lombo é branca. Habita ó sur do lago Baikal, no nordeste de Mongolia e noroeste de Manchuria.
  • P. p. jankowskii ten a cola gris con tons azuis. O azul das plumas rémixes secundarias é máis puro e con menos ton violeta que na subespecie P. p. sericea. A súa área de distribución está no leste de Manchuria e Sidemo
  • P. p. kamtschatica, a variedade máis clara e con reflexos máis verdes. As plumas das mans (rémixes primarias) son completamente brancas na cara interna e na primeira delas hai unha mancha branca. Rémixes e cola teñen reflexos verdes. Vive na rexión de Anadyr e na península de Kamchatka.
  • P. p. japonica, caracterizada polos reflexos violetas das plumas cobertoiras e rémixes. O peteiro e curto e gordo. Vive na illa de Kyushu no Xapón.
  • P. p. sericea, de cola máis curta ca forma típica. Alas e cola teñen reflexos de cor violeta-purpúrea. A parte inferior do lombo é gris. Vive na rexión do Amur, Corea, leste de China, Alan-xan, norte de Ningsia, Kansu, Annam, Taiwan e Hainan.
  • P. p. bottanensis, a pega meirande e coa cola relativamente máis curta. A parte inferior do lombo é negra. Vive en Bhutan, Sikkim e a rexión do Tibet leste.

A análise do ADN amosa que a subespecie P. p. sericea está xeneticamente moi afastada das formas euroasiáticas e podería ser unha especie diferente.

[editar] Subespecies americanas

  • P. (p.) hudsonia (Pega de bico negro), en Alasca e a parte oeste da Norteamérica central. Semellante á especie europea Gelbschnabelelster
  • P. (p.) nuttallii ten o peteiro amarelo e é máis pequena ca P. p. hudsonia. A súa área de distribución está en California.

A pega de bico amarelo Pica (pica) nuttallii é hoxe considerada unha especie separada e estudios recentes de ADN probarían que a variedade Pica (pica) hudsonia está xeneticamente máis preto de P. (p.) nuttallii que das variedades europeas, e sería unha especie distinta.

[editar] Hábitat

Vive tanto nas montañas (ata os 2.500 m de altura) coma en terras baixas. As subespecies P. p. asirensis, P. p. bottanensis, P. p. hemileucoptera son casos excepcionais: P. p. bottanensis, por exemplo, cría ata os 4.500 metros e busca alimento ata os 5.500.

Habita sobre todo en zonas abertas con prados, mato, sebes e grupos de árbores illadas. Tamén nas beiras dos bosques, preto de zonas acuáticas e pantanos. É raro que apareza en bosques ou zonas de cultivo sen árbores. Evita tamén, en xeral, zonas moi costentas, vales moi estreitos e fondos e áreas onde as nevadas son frecuentes, coa excepción das subespecies citadas máis arriba. Calcúlase que máis da metade da poboación europea cría preto de zonas habitadas, de onde pasa con frecuencia ás cidades, nas que ocupa parques, cemiterios e xardíns. Por contra, antes era unha ave típica da paisaxe agraria.

[editar] Alimentación

Pega comendo nun coello morto
Pega comendo nun coello morto

Come tanto alimento animal como vexetal. Consume insectos e as súas larvas, arácnidos, vermes e caracois. Captura tamén vertebrados de ata a talla dun rato, incluídos lagartos, anfibios, paxaros pequenos e as súas crías e mamíferos. Tamén ovos doutros paxaros. Tamén come animais mortos e, especialmente no outono, froitas, sementes e cogomelos. Expulsa as partes indixeribles en forma de egagrópilas. Buscan a mantenza as máis das veces no chan. Cando cazan insectos, arañas ou animais pequenos se paran para mirar e despois corren ou saltan detrás da presa, que cachan co peteiro. Se están entre vexetación alta, camiña sen parar buscando comida. Levanta do chan plantas e pedras pequenas para procurar presas e tamén arrincan baias. Sobre todo en América, comen tamén os parasitos de ovellas e vacas. Ás veces mesmo capturan peixes.

Os insectos son tragados enteiros, aínda que as vésporas son esmagadas co bico antes de seren comidas. Os animais meirandes son suxeitados coas patas contra o chan e sacudidos co bico contra un obxecto duro. Cando capturan paxariños desplúmanos antes de comelos.

Acumulan comida en pequenos depósitos, que, en xeral, baleiran en poucos días. Cambian a localización das súas despensas frecuentemente para evitar que as poidan atopar outras aves. A acumulación de alimentos é máis notable no outono. Agachan a comida nun furado pequeno que cavan co bico no chan, e despois cóbrena con terra e plantas. Estas reservas poden ser moi importantes no inverno.

As pegas de zonas urbanas obteñen a metade da súa mantenza das moreas do lixo e de restos da alimentación humana e poden utilizar lugares axeitados nos tellados para gardar o alimento.

[editar] Hábitos de vida

As pegas son activas desde unha media hora antes do mencer, aínda que a hora varía coa época do ano. Cara á posta de sol vanse achegando cada vez máis cara ó seu lugar de descanso. As pegas que están criando viven xuntas no seu territorio, mentres que as que non crían forman bandos que, no inverno, van de unha ducia a centos de exemplares.

[editar] Reprodución

As pegas maduran sexualmente no seu primeiro outono de vida, época na que forma bandadas con outras pegas que non están a criar. Na primavera seguinte só menos da metade dos machos e ó redor do 50% das femias crían.

[editar] Aparellamento e construción do niño

Forman parellas que duran toda a vida. Se un dos membros da parella morre, é substituído en xeral rapidamente por unha ave de primeiro ano. As parellas adoitan separarse despois de varias crías sen éxito. Nos outonos as futuras parellas van pasando cada vez máis tempo xuntas ata que se senten vinculadas. Aínda así seguen a buscar comida por separado.

A inspección do lugar de construción do futuro niño dura de outubro a xaneiro (en Centroeuropa ata febreiro). Os sitios preferidos para face-los niños son as pólas superiores de árbores altas, entre os 12 e os 30 metros de altura que son de difícil acceso e son un bo punto de observación, ou zonas máis baixa, entre 3 e 4 metros do chan, entre maleza ou sebes mestas e con espiñas.

[editar] O niño

Niño de pega
Niño de pega

O niño é esférico. Mide entre 35 e 75 cm de ancho. Esta feito de poliñas e cotelos, secos e entrecruzados. Moitos niños teñen dúas entradas.

[editar] Nomes comúns noutras linguas

  • Alemán: Elster
  • Búlgaro: Svraka (Сврака)
  • Catalán: Garça
  • Español: Urraca
  • Francés: Pie (bavarde)
  • Inglés: (European) Magpie
  • Portugués: Pega-rabuda
  • Ruso: (Obyknovennaia) soroka (Обыкновенная сорока)

[editar] As pegas na cultura popular galega

  • ¡Dios queira que non atopes/ nunca pra ti mans abertas,/ e que, mal morto de fame,/ te coman os cas e as pegas!.

[editar] Véxase tamén

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Wikispecies posúe a especie: Pega

[editar] Ligazóns externas


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -