As Dúas Árbores de Valinor
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
No legendarium de J. R. R. Tolkien, as Dúas Árbores de Valinor son Telperion e Laurelin, a Árbore de Prata e a Árbore de Ouro que iluminaban a Terra dos Valar nos tempos antigos. Foron destruídas por Melkor e Ungoliant, mais os Valar converteron a súa derradeira flor e o seu derradeiro froito na Lúa e o Sol.
Índice |
[editar] Creación e destrución
As primeiras fontes de luz de Arda foran dúas enormes Lámpadas, Illuin, a de prata no norte, e Ormal, a de ouro no sur. Ambas foron derrubadas e destruídas por Melkor. Despois os Valar marcharon para Valinor, onde Yavanna creou co seu canto a Telperion e Laurelin. A Telperion atribuíaselle xénero masculino e a Laurelin feminino. Estaban ubicadas no outeiro Ezellohar, ás portas de Valimar, e medradron na presenza de todos os Valar, regadas polas bágoas de Nienna.
Cada árbore era unha fonte de luz: prateada a de Telperion e dourada a de Laurelin. Telperion tiña follas escuras (prateadas por un lado) e o seu arxénteo orballo era recollido como fonte de auga e luz. Laurelin tiña follas pálidas adornadas de ouro, e o seu orballo era asimesmo recollido por Varda.
Un "día" duraba doce horas. Cada Árbore, á súa vez, emitía luz durante sete horas (crecendo até o seu brillo máximo para despois volver minguar devagar), polo que durante unha hora de cada "amencer-anoitecer" emitíanse ao mesmo tempo luz dourada e luz prateada.
O celoso Melkor recrutou a axuda da xigantesca criatura arácnida Ungoliant (a primeira das grandes arañas e devanceira de Elaraña) para destruír as Dúas Árbores. Oculto nunha nube de escuridade, Melkor cravou en cada Árbore a súa lanza, e a insaciábel Ungoliant devorou toda a vida e a luz que aínda contiñan.
Unha vez máis, Yavanna cantou e Nienna chorou, mais só conseguiron revivir a derradeira flor de Telperion (que se convertería na Lúa) e o derradeiro froito de Laurelin (que se convertería no Sol). Estes foron confiados respectivamente aos espíritos menores Tilion, masculino, e Arien, feminino, coincidindo cos "xéneros" das propias Árbores. Este é o motivo polo cal n'O Señor dos Aneis se adoita facer referencia ao Sol como "ela" e á Lúa como "el".
Porén, dise que a verdadeira luz das Árbores, anterior ao seu empezoñamento por parte de Ungoliant, residiu desde aquela únicamente nos tres Silmarils.
[editar] Sucesores de Telperion
Como os primeiros Elfos que chegaron a Valinor amaban de maneira especial a Telperion, Yavanna creou unha segunda árbore coma el para que se erguese na cidade de Tirion, na que os Vanyar e os Noldor cohabitaban nun principio. Esta árbore, chamada Galathilion, era idéntica a Telperion agás polo feito de non emitir luz propia. Deu lugar a moitos rebentos, un dos cales recibiu o nome de Celeborn, e foi plantado na illa de Tol Eressëa.
Na Segunda Idade entregouse un dos rebentos de Celeborn aos Númenorianos como obsequio; tratábase de Nimloth, a Árbore Branca de Númenor. Viviu durante case toda a existencia do reino, mais cando Sauron tomou o control da illa, fixo que o rei Ar-Pharazôn a tallase.
Afortunadamente, Isildur logrou salvar un dos froitos desa árbore, que máis tarde enxendraría as Árbores Brancas de Gondor.
[editar] Sucesores de Laurelin
Non se menciona nunca ningunha árbore creada á semellanza de Laurelin, xa que era Telperion o preferido polos Elfos. Pódese supor que non existe tal descendencia na Terra Media ou en calquera outro lugar de Arda. Os exiliados Noldorin da cidade de Gondolin si posuían unha imaxe inerte de Laurelin, chamada Glingal, 'Lapa Pendente', elaborada polo Rei Turgon.
[editar] Significado interno
As Dúas Árbores de Valinor existiron nunha época na que a única outra fonte de luz eran as estrelas (creadas por Varda para os Elfos a partir do orballo recollido das Dúas Árbores). Cando se convidou a tres embaixadores dos Elfos para que visen Valinor cos seus propios ollos, seica as Árbores tiveron un significativo efecto sobre eles.
En concreto, disque Thingol induciu os Elfos a realizar a Grande Viaxe polo seu desexo de volver ver a Luz de Valinor (desexo satisfeito pola luz que viu no rostro de Melian). No futuro os Elfos dividiríanse nos Calaquendi, que contemplaran a luz das Árbores, e os Moriquendi, que non; aos primeiros descríbeselles como claramente superiores en moitos aspectos.
Toda a historia da Primeira Idade vese intensamente afectada polo devezo de moitos personaxes de posuír os Silmarils, que albergaban o que restaba da luz sen mácula das Árbores.
Na Segunda e Terceira Idades, as Árbores Brancas de Númenor e Gondor, cuxo aspecto asemellábase ao de Telperion, tiveron un significado máis ben simbólico, como emblemas de cadanseu reino, e como lembranza da ancestral alianza entre os Dúnedain e os Elfos. No entanto, esta relación quizais fose máis profunda, xa que a destrución de cada unha das árbores precedeu inevitabelmente a dificultades para ese reino, dando a entender que existía un vencello místico aínda máis forte.
[editar] Significado Externo
As Árbores son unha manifestación do axis mundi, un elemento mitolóxico habitual que conecta o ceo e a terra, transmitindo a esta última a orde e o resplandor do divino (neste caso, Ilúvatar sería o divino, e a Terra Media a terra). O axis mundi é un compás que fornece ao resto do mundo orde, equilibrio e dirección, e o seu deterioro ou destrución provocan o caos.
Aínda que existe un axis mundi en case que toda a mitoloxía literaria, se cadra as Dúas Árbores lembran de maneira especial á árbore de Yggdrasil da mitoloxía nórdica. En ambos os casos as árbores son conceptos cósmicos, xa que a súa esencia é o que dará lugar máis adiante á Lúa e ao Sol. Outra reminiscencia é a das dúas árbores máis importantes do Xardín do Edén, a Árbore da Vida e a Árbore da Sabedoría, posto que en ambas as historias as árbores son fonte de orientación e vida, e un vínculo coa divinidade.
O concepto da luz está cheo de simbolismo. Como católico romano que era, Tolkien, estaría familiarizado co significado da luz no simbolismo cristián. As árbores en xeral tiñan unha especial importancia para Tolkien: no seu relato curto "Leaf by Niggle", que en certo sentido é unha elaborada alegoría que explica o seu propio proceso cretivo, o protagonista Niggle pasa toda a vida a pintar unha única árbore.
As Árbores constitúen unha das moitas alusións ao concepto de 'ouro e prata', recorrente na obra de Tolkien. Foran creadas a partir das Lámpadas Ormal e Illuin, e das propias Árbores nacerían despois o Sol e a Lúa.
[editar] Outros nomes
Dise que tanto Telperion como Laurelin recibiron moitos nomes, entre os que se inclúen os seguintes: Silpion e Ninquelótë para Telperion, e Malinalda e Culúrien para Laurelin.
Nos primeiros escritos de Tolkien (véxase: A Historia da Terra Media) os nomes para Telperion eran Silpion, Bansil e Belthil.
[editar] Referencias
- Patrick Curry, "Two Trees" en: J. R. R. Tolkien Encyclopedia (2006).
- Matthew Dickerson, "Trees" en: J. R. R. Tolkien Encyclopedia (2006).
- Alexandra Bolintineanu, "Astronomy and Cosmology, Middle-earth" en: J. R. R. Tolkien Encyclopedia (2006).